Onte foi a xira de Santa Cruz 2013. Despois da polémica que a antecedeu, coido que foi abondo normal, dentro do normal que se pode cualificar un día así. A temperie acompañou e Ribadeo estivo petado pola mañá. Como xa é tradicional a xente comezou a desaparecer do pobo cara a mediodía, pero preto da media tarde aínda había algún grupo tentando 'dinamizar' o pobo.
Ó contrario de poucos días antes, Santa Cruz estaba segadiño na zona de recepción, e a vila amosaba atraccións alternativas (a parte das relacionadas coa xira, como os grupos de gaiteiros, e as espontáneas, como a que representaba a morte do gaiteiro tentando reproducir un enterro ou o xa 'típico' bombo tentando atroar acompañado dalgún instrumento máis). Houbo mercado dos domingos na parte surleste da praza do mercado, con abonda atracción, e pola tarde, a comisión de festas patronais aproveitou asemade a parte noroeste da praza para montar unha disco ó aire libre e ir sacando cartos para as festas, tamén cunha asistencia considerable.
De calquera xeito, o tempo propiciou outra alternativa máis común noutros días, a praia. Abaixo deixo como se atopaban os bloques aínda pasadas ás oito da tarde e logo, ben pasadas xa as nove.
O día, digo, propiciou calquera actividade. Como o 'terracing' ... e así, quen se achegara polo Cantón puido observar a nova decoración da valla de protección da Torre dos Moreno, recén estreada esta semana:
O día límpido permitiu mesmo outras vistas curiosas como a seguinte da zona alta da Torre dos Moreno, nuns vidros dun baixo da r/San Miguel
Ningún comentario:
Publicar un comentario