20130927

20130926: concentración e pleno en Ribadeo

Onte houbo, ás oito, previo ó pleno porque se sumou a corporación (máis ou menos, todos, aínda que non estou seguro de que non faltara ninguén do pleno), houbo unha concentración en defensa da sanidade na Mariña, neste caso, facendo fincapé na perda dun médico en Ribadeo, onde se leu un manifesto. O pleno tivo que esperar á finalización, ben pasadas as oito e cuarto.
No pleno, por fin coñecín pouco a pouco os puntos que se ían a tratar, cando se foi facendo. A sá estaba abondo chea de público, sen rebosar coma outras veces, pero pasadas as 11 da noite, sen rematar o pleno, cando me fun, quedaba só un espectador e unha periodista. Certamente, foi dos plenos que, horario aparte, prestoume ver por ser entretido e didáctico en diferentes facetas.
Claro, a súa lonxitude fará que non reflicta todo nunha soa entrada, e aínda así, resuma abondo. Por iso vou comezar cara ó final, punto 12, coas mocións, tras aclarar a falta do pleno dun dos concelleiros do PP, Manel Yáñez, fóra de Ribadeo por motivos laborais, co que a relación de forzas estaba 7-3-1-1/BNG-PP-UPRi-PSOE.
A primeira presentada foi a correspondente á concentración, é dicir, pola praza médica que se está a perder no servizo de atención primaria en Ribadeo. A votación foi de apoio unánime, pero houbo algún comentario a reseñar. Así, Tino (UPRi), indicou que tamén debera incluírse de xeito específico na moción, e non dalo por incluído de xeito xenérico, a perda dunha enfermeira hai uns meses e a flata de substitucións, que pode xeral problemas graves, en particular no verán. Despois dunha breve discusión, foi incluído. Valín (PP) Deixou dito que non tremía o pulso por ir en contra do que se decidía no seu partido en outros niveis, que estaban a favor da moción, pero iso non significaba coincidencia total de criterio con que se dixo ambaixo, na concentración, por exemplo.
A segunda moción foi do PP, pedindo a atención a pacientes oncolóxicos no Hospital da Costa. Antes de ser tratada, ó ser anunciada polo alcalde, o BNG fixo a proposta dun engádego, que distribuiu entre os concelleiros. O PP mantivo a proposta. Nos comentarios posteriores, Tino lembrou que xa estaba todo o mundo de acordo, incluída a Conselleira. O alcalde, Fernando, fixo unha defensa do engádego, aínda unha vez negado polo PP, enterándonos o público de que se trataba dunha extensión que pedía o tratamento integral deses enfermos en Burela, a activación en Lugo e o non ter que trasladarse a outra provincia para o tratamento e coidado. O portavoz de UPRi apuntou 'presentade outra moción'. E xusto, unha volta votada por unanimidade, o BNG presentou outra moción por vía de urxencia, polo procedemento 'in voce', pedindo o hospital de día oncolóxico en Burela, a atención no HULA e o non desprazamento a outra provincia. Nestes casos, primeiro hai que votar a urxencia, que saiu a favor con 9 votos, tendo en contra os tres dos concelleiros do PP presentes. O debate foi curto e a votación, unánime, algo que diría que non se esperaba a corporación mesma despois da discusión sobre o engádego na moción anterior.
E ben, continuará ó longo do día.

Ningún comentario: