Anteriores:
concentración e pleno
concentración e pleno (II)
O punto 5º foi a ordenanza de axuda no fogar, tratada por obriga legal, imposta pola xunta. Foi aprobada por unanimidade, despois de diversos comentarios que valoraron a obriga e mencionaron algunha cousa que poidera mellorarse, como as sancións, para as que Tino pediu 'man esquerda' por parecerlle fortes, comentando despois o alcalde que de todos os xeitos non se vira polo momento necesidade de aplicar un regulamento para sancións por falta de faltas.
6º.A ordenanza sobre o prezo público do servizo, cun prantexamento de principio semellante ó anterior, aprobado con 11 votos e a abstención de Lalo, que comenta que é para que quede patente o seu desacordo contra as medidas do goberno autonómico.
O punto 7º foi sobre a proposta de Serviocio, que incluía a instalación dun novo sistema de depuración na piscina, e que por dito motivo foi contestada por Tino, que, sen querer causar atrancos, expuxo que cría que había métodos mellores e máis baratos. Aprobouse por unanimidade, despois dun pequeno intercambio Tino-Fernando sobre a oportunidade de presentar ditos comentarios na Comisión informativa e o descoñecemento dos datos pertinentes naquel momento.
Punto 8º, expediente de elección do Xuíz de Paz titular, que recaeu en Mª Irene Díaz Martínez, entre sete persoas que quererían selo, en contra do sucedido da vez pasada, que só se presentou unha en segunda instancia. Houbo comentarios sobre a baremación, pois segundo parece había algunha persoa co título de avogado que pretendía selo. Aprobouse por 11 votos a favor e unha abstención.
O 9º, sobre a modificación de crédito para o pavillón, recibiu a unanimidade, segundo algún concelleiro 'porque non queda outro remedio' despois da desafortunada adxudicación a unha empresa que tivo dificultades.
Deixando para o final do comentario o 10º, o 11º foi metido de urxencia na orde do día para facilitar o pago a proveedores, que foi comentado como cousa técnica e, por parte de Azucena (PP), cun comentario sobre que estaba leda pola valoración do plan de proveedores do goberno.
Nese momento había no público, a parte de min e unha reporteira, outras dúas persoas, que aguantaron ata as mocións xa comentadas na primeira parte, de apoio á sanidade ribadense e mariñán. O resto, foron caendo pouco a pouco, as últimas ó rematar o punto 10º, sobre a proposta do goberno municipal de declaración de Parque Natural As Catedrais.
Neste punto, foi esgrimido o motivo da degradación dunha xoia: melloran as visitas, empeora a conservación O certo é que a defensa inicial, por parte do alcalde, implicou unha pequena confusión entre o aumento de visitas e o aumento de protección, que sería despois aproveitado pola oposición. O espazo superpónse ó LIC, que como as outras figuras de protección que lle afectan, están sen desenvolver, incumprindo prazos, sendo aínda algo máis limitado que aquel.
-Unha nota que se ocorreu no momento é como queda algunha cousa como o Castro das Grobas. Que significa para este sitio?-
PSOE e UPRi xúntanse a BNG insistindo en que non pasa nada por pedilo. Intervén Braña (PP) que en novembro de 2011, só uns meses despois da constitución do actual consistorio, o PP pediu un plan de uso e xestión nunha moción que segue sen debatirse en pleno dende aquela. Apunta a que hai un efecto chamada, pero non hai servizos, e esíxelle ó concello que sauma responsabilidades, e que non pida un parque natural só para traer máis visitantes e non para protexer: 'é certo que a Xunta está durmida, pero, que fixo o concello?. E, se se aproba, oito anos de tramitación. E mentras?'. A máis, hai que informar do que supón, polo que Campo fixo a proposta dunha petición á Xutna para que desenvolva de xeito urxente os regulamentos correspondentes (na parte que lle corresponde) ás figuras de Monumento Natural, ZEPA, Rede Natura e LIC. Mentras, que o concello aplique medidas.
Fala a continuación Fernando, o alcalde, que comenta que a proposta ten 26 folios, e incorpora moitas medidas das ditas por Campo Braña: incorporación de ISO, plan de calidade ... o que significa servizos, auditoría, ... sen que o concello posea nin 1 m2 alí. Mentras, xa se creou unha liña de transporte público que pouco a pouco se vai consolidando, quérense retranquear os servizos ... e aínda van terse que devolver cartos á Deputación por non ter aínda permiso do Ministerio para facelo, despois de abondo tempo e idas e vidas de documentación, e a Policía Local foi 'botada' pola policía de tráfico. Non se puido acceder ás axudas da Xunta a Parques Naturais, co 100% de custe subvencionado.
Foi aquí onde se deu un dos puntos reseñables da noite. Máis ou menos:
C. Braña: Alédome de que recoñeza que a Xunta da subvencións.
Fernando: (en voz baixa) Migallas.
C. Braña: Ó Concello de Ribadeo, nin iso.
Animo a pensar no significado do anterior, dende os dous puntos de vista, lembrando ademáis o punto de partida antes do intercambio.
-certamente, a longa discusión foi do máis ilustrativo en diferentes sentidos, tando sobre datos como sobre fintas verbais ou encadre político-
Foi aquí ademáis onde unha persoa do público quixo intervir, sendo explicado polo alcalde que non era posible. -certamente, non coa actual normativa sobre aprticipación cidadá en Ribadeo-
Falou a continuación Horacio Pulpeiro (BNG) para facer algunha precisión co documento de proposta na man.
Antes da votación, outra intervención, de Tino (UPRi): 'Vou votar si porque coido que necesitamos dar un puñetazo na mesa todos xuntos'
O resultado da votación, 9 a favor e 3 en contra.
... e fin.
1 comentario:
O comunicado do concello sobre o parque Natural As catedrais: http://ribadeo.org/actualidade/nova.php?id=1351&lg=gal
Publicar un comentario