20130906

De tempos e ratios: un médico para Ribadeo

Hai preto dun ano comezou a rumorearse. Ninguén fixo caso. A cousa foi en aumento, a Plataforma Sanitaria da Mariña advertiu ... chega este setembro e parece que chegou o momento de estoupar como nova: Ribadeo, se non o remediamos, quedará sen un médico dos que tiña.
No medio, no que parece unha estratexia ben deseñada e coido que é só un xeito de ir tentando poñer parches ante unha realidade imposta dende fóra do Centro de Saúde: a xente foise derivando a outros médicos, as cartillas comezaron a cambiar de titular pouco a pouco, e por último, de xeito definitivo, vaciando de 'contido de pacientes' a cartilla do médico non substituído.
Por parte da resposta pública, a Plataforma sanitaria da Mariña clama de novo no deserto: a sociedade ou ben non se entera ou ben pasa, ou ben tilda de alarmista a quen advirte, retrucando máis ou menos que 'hai que esperar a ver o que pasa', ou ben se resigna porque 'os tempos son malos' (e hai que salvar a banca con preferenza, pero iso dise menos).
O poder político, que se saiba, reacciona en plena volta despois das vacacións e cun retraso considerable. Polo momento, cunhas declaracións e co anuncio de que será tratada unha moción no próximo pleno (eso que existe, é público e non se publicita para que se entere a cidadanía a menos que se queran aplausos, e menos se lle permite unha participación efectiva), quedando no aire a pregunta de se a moción será secundada unánimemente ou se será un motivo máis de trifulca política (aínda que poda haber voto unánime!)
Mentras, o servizo de saúde deteriórase pouco a pouco, obviando Ribadeo, en Burela, ou Lugo, ou ...
E a xustificación pretende cáseque así haberá mellor servizo, que se fai para ben dos cidadáns, como non! Na realidade, esta volta, a xustificación atópase en que Ribadeo está moi por baixo do límite da ratio de 1500 cartillas ou habitantes por facultativo (os xornais recollen unha ou outra opción). Na anterior supresión na Mariña, creo lembrar que se falaba (que a Consellería falaba) cun argumento semellante, pero cun número diferente: 1200. Ó final é o mesmo, porque a ratio establécea a Consellería e ó que se ve, de xeito arbitrario, co que sempre poderá usar iste argumento de igual xeito, aínda que non signifique nada. Por certo, e voltando ó tema dos números e Ribadeo, os 10000 habitantes de Ribadeo entre 1500 significan 6 + un resto, é dicir, sete médicos. Se o criterio é de 1200, entón temos 8 + un resto, o que fai unha diferenza de dous médicos.
O tempo, 'en diferido', como nos teñen afeitos dende o goberno. A ratio, axustable ás necesidades de xustificación. A resposta, ... que resposta?

1 comentario:

Anónimo dixo...

Moi acaido, excelente o eu artigo.