20130910

Hoxe é mañá: Sobre a residencia de maiores

Corto e pego o publicado na web do concello, espedcificando que o 'mañá' do que fala xa é o 'hoxe' no que publico:
"Residencia de maiores
09/09/2013
Mañá será cando se coñeza a proposta económica final da Consellería de Benestar para a construción dunha residencia de maiores en Ribadeo. As cifras ofrecidas esta tarde en Santiago "quedan moi lonxe do que cabería esperar e serían inferiores ás que está disposto a poñer o Concello", segundo o alcalde, Fernando Suárez Barcia. O Concello xa redactou o proxecto e entregoullo á Xunta.
O rexedor explicou que "despois de manter esta terceira xuntanza da comisión pro residencia da terceira idade en Ribadeo coa conselleira de Benestar e despois de terlle indicado que a posibilidade que nos ofertou no seu momento de concertar prazas non é algo que vexamos axeitado, porque en Ribadeo pensamos que as prazas teñen que ser preferentemente para a xente de Ribadeo e coa opción de concerto non sería posible garantir isto". Suárez Barcia dixo que "o que necesitamos primeiramente é ter o edificio e para ter o edificio hai que ter o diñeiro enriba da mesa. Temos parte dos cartos comprometidos da Deputación Provincial de Lugo e desde o Concello estamos dispostos a poñer outra parte a través do endebedamento público, pero falta unha parte importante que é a que debe poñer a Xunta de Galicia".
O alcalde de Ribadeo indicou que "as cifras que nos daban no día de hoxe quedan moi lonxe do que cabería esperar e serían inferiores ás que está disposto a poñer o Concello, polo tanto non o veríamos viable. A conselleira pediunos tempo ata mañá para mandarnos a última proposta de financiamento plurianual para os anos 2014 e 2015 e esperemos a mañá para coñecer e estudar a proposta económica final que a Consellería de Traballo e Benestar estaría disposta a aportar para que a residencia de Ribadeo puidese unha realidade. Pero sempre, desde logo, entendendo que en quen residen as competencias realmente, que é a Xunta, deberá poñer unha cantidade certamente importante e non ser soamente un fleco da cantidade que poida poñer o Concello de Ribadeo". Fernando Suárez pide prudencia "e unha vez que mañá saibamos a cifra final poderemos facer unha valoración máis global do futuro da residencia en Ribadeo".
O rexedor engadiu que "para que se vexa a determinación que temos toda a Corporación Municipal en crear unha nova residencia en Ribadeo foi que o compromiso de redacción do proxecto témolo feito, os técnicos municipais redactaron dito proxecto que no día de hoxe xa se enviou á Xunta para a súa autorización previa". Suárez Barcia subliñou que "a Xunta debe autorizar unha residencia independentemente de si pon diñeiro ou non para a súa construción, pero obrigatoriamente teno que autorizar. O proxecto enviado hoxe ascende a 2.300.000 euros, edificio e equipamento. E sobre esa cifra é sobre a que estamos a traballar para  ver cómo se financia. Evidentemente deben ser tres partes: Deputación, Concello e Xunta. E Deputación e Xunta teñen que ser as que asuman a maior cantidade porque sería paradóxico que fose o Concello o que acabase sufragando unha maior parte, porque a Xunta é a que ten as competencias en materia de residencias e servizos sociais"."
Que significa isto? Que a falla dunha sorpresa hoxe, o que falta é o compromiso de quen pode para que Ribadeo teña unha residencia de anciáns que lle fai falta.
En principio, podería pensarse que de non mover peza a consellería aquí remata a historia do impulso dunha residencia, pero asumilo así significaría o mesmo ou peor que non ter comezado as movilizacións para conseguila. Movilizacións que non consistiron só nunha manifestación, senón na concienciación popular do dereito e a posibilidade de ter un novo espazo para os nosos anciáns.
Por outra banda, o conseguir a residencia non pasa por un só modelo, aínda que se viu dende o comezo como máis axeitado na situación actual, o que case pon contra a parede ó movemento da plataforma cidadá, sendo ardua a procura doutras alternativas, a recapitulación de todo o movemento, etc. Mentras, a política segue o seu propio movemento, ó que se ve, cada vez máis independente do cidadán, neste caso, tentando un retraso dun ano nunha decisión e tentando asemade desgastar un movemento para facer menos dano á hora do reconto electoral.
Ben, a bo seguro a cousa pódese contar doutro xeito: hai especialistas en facelo, á vista de como se presentan algunhas cousas, pero a realidade contrastada pasa ata hoxe alomenos pola negativa da Xunta a aportar unha parte substancial e necesaria dos cartos para a residencia.

Ningún comentario: