20131005

Crise, Economía, e falsos dogmas

Onte tivo lugar a primeira das charlas sobre Crise, economía e falsos dogmas organizadas pola AVV O Tesón. Foi a cargo de José Mª Martínez Fernández, quen despois dunha introducción xeral de conceptos abordou a crise tendo como referenza os primeiros capítulos do libriño 'Manifesto de economistas indignados'.
Na charla, desenvolta no Salón de actos da Casa do Mar de Ribadeo, seguida por máis de trinta persoas e con posterior intervención do público, poidéronse entender cousas como a diferenza entre os mecanismos de equilibrio automático na economía e os de tipo discrecional, e a incidencia desa diferenza na crise actual en Europa en relación con outros países, como os EEUU.
Nas preguntas e debate posterior fíxose incidencia particular nalgún dos temas tratados, por exemplo, os diferentes factores que agravan a crise segundo para quen, como a diferenza de tipos de irpf segundo a procendencia dos ingresos, ben por salarios, ben por capital, ou a preparación liberal disa situación asimétrica actual, coa baixa do imposto de sociedades dende os oitenta á actualidade.
A xeración dese debate é precisamente un dos obxectivos previstos das charlas, despois de ter recibida na parte de conferencia a formación básica para que o debate sexa informado.
Adxúntanse dúas fotos correspondentes nunha, ó momento no que se estaba a tratar a incidencia do aumento da influenza dos mercados financieiros na economía, e na outra, ó tratamento da relación da imposición sobre o déficit da UE, a súa influenza no devir dos mercados financieiros e o seu efecto en forma de recortes na actualidade en España, procurando solucións e deixando patente a desculpa neoliberal para desmontar o chamado estado do benestar.
A próxima charla da serie será o xoves 10 de outubro, no mesmo lugar e hora, a cargo de José Ángel Bolaño Penelo.


Ningún comentario: