20131028

Relativismo mental. Are you ready?

    Onte, lendo o xornal, pasáronseme varios clichés pola testa. E ocorrúseme que ó fin, facía falta un cambio de mentalidade, unha preparación persoal, para o cambio social. O malo é que esa preparación coido que estase a facer en sentido inverso ó que me gustaría. Deixo un par de parágrafos para ver se me explico...
    Din que xa se ve a luz ó fin do túnel... coidado co tren!
    En materia económica levamos sendo enganados xa moitos anos. Non é novidade que o capitalismo deixou as formas suaves que mantiña en Europa nada máis cair o telón de aceiro. O proceso xa tiña comezado anos antes, pero a pendente había que preparala e iso foi realizado a traverso dun acoso semántico que variou o significado de moitas verbas ata chegar á actual mentira indisimulada na que se interpreta unha verba polo que pode significar para unha pequena minoría da poboación. Luz á fin do túnel? Hai xente que non chegou a entrar 'no túnel', pero ós que si nos meteron, dános medo porque sabemos que o tren segue a circular e pode facernos moito dano, mesmo avisando antes cun pitido que non nos beneficiará en nada; é máis, que nos dará máis medo antes da catástrofe. Non obstante, o aviso de que hai unha luz cara ó fin do túnel, implica dúas cousas para que nolas creamos. Unha, que quen fai o aviso sabe onde está a fin do túnel, que ten controlada a situación. Dúas, que vaiamos cara onde nos indican coa confianza posta nel. Avanzamos pois ou retrocedemos? (polo túnel). Diríase que avanzamos, que imos adiante. Pero, se ven o tren e nós imos cara el, diminuímos a distancia mutua, retrocedemos.
    Quero coñecerme mellor. Por favor, NSA, podes dicirme como son?
    Non sei se a NSA me ten espiado ou non. Se non o fixo foi sinxelamente porque non me considerou acreedor de tal honra. Por datos que puido recoller, pode coñecerme abondo mellor que eu mesmo, e podería aproveitar os datos que me subministrara para asumir mellor o mandato clásico 'coñecete a ti mesmo'. Hoxe por hoxe, na era post Snowden, co revuelo armado e a baixada de pantalóns -ou faldas- dos gobernos do mundo enteiro (que por outra parte diría fan máis ou menos o mesmo cada un segundo as súas posibilidades) estase a valorar máis a intimidade porque se sabe que é un ben escaso, pero ó tempo, e entre tanto escándalo, seguimos a deixar os nosos datos na rede cada vez en maior cantidade e desprotección. E sobre todo, con maior abandono propio, con maior naturalidade e sabendo e asumindos as consecuencias da extensión daquel vello dito: 'un é dono do que cala. Do que fala, xa non é dono'. É un avance ou un retroceso? Calquera lle diría ó Orwell de 1984 o desenvolvemento que estamos a ver da situación entre as posibilidades de ser espiados e a adaptación da mentalidade ante tal espionaxe.
    Ben, son só dúas frases, correspondentes a entornos diferentes, pero a unha mesma situación de relatividade do avance/retroceso dunha mentalidade na que temos capacidade de maior coñecemento e consciencia de menores posibilidades. Unha situación na que os propios integrantes da sociedade estamos perdendo capacidade de xestionar a sociedade na que estamos inmersos. Unha situación que lembra á organización social dalgúns tipos de insectos: alguén reina, hai un exército, e o resto, traballa (máis ben, algo como 'fai o que naceu para facer')

Ningún comentario: