Hai desprestixios inmediatos e hai outros ganados a pulso, durante tempo. Pertencen a categorías diferentes. Os ganados a pulso son a suma de accións que van aumentando o desprestixio, algo así como un desprestixio composto. Algo que se consolida no tempo e sobre o que logo é moi difícil que cambien as ideas, porque se constrúe toda unha estrutura de valores, causas e efectos arredor.
Dese tipo de desprestixio profundo é do que imos sentindo que vai tecendo a xudicatura en España, acompañando a outros poderes que se manifestan en rede en troques de facelo de xeito independente uns dos outros.
Dende hai tempo as películas norteamericanas presentan unha imaxe do poder xudicial nos EEUU independente pero submetido ós recursos dos que pode facer uso cada parte litigante. Si, é ficción, pero en toda ficción hai un poso de realidade.
Aquí, tampouco se trata de que a xudicatura (alomenos en conxunto) sexa impropia para a labor que desenvolve. Trátase, cada vez máis, do sometemento a traverso de normas, recursos dispoñibles, uso instrumental da fiscalía, nomeamentos con criterios partidarios, desenvolvemento legal, dificultade de uso da legalidade para quen ten menos recursos, ... cousas que alonxan a xudicatura da xente mentras a achegan a centros de poder. Cousas que se veñen incrementando e que fan que se escriba en pedra cada vez de xeito máis profundo que se te collen apañando un euro tes un problema, pero se te collen apañando dez millóns o problema téñeno os demáis. Mentras que hai unha longa cola xa de políticos exentos xudicialmente de pagar pola súa culpa (serán culpables, pero é 'peccata minuta', ou as probas serían determinantes noutro caso, pero non nise, ou estaba tan enriba que había outra xente no medio para culpar, ou os xestores políticos están exentos legalmente diso, ou ...) e estamos a vivir outra serie de casos que se vai vendo máis claramente que seguen camiño parello, dende políticos de a pé de diversos partidos ata xente relacionada coa casa real, onte sóubose o resultado da sentenza sobre o caso Prestige. E é doado de resumir: Todo o desastre ecolóxico derivado do estado do Prestige e da xestión da crise ata o afondemento e aínda despois, non ten autor que o asine. Así, todo o traballo de descontaminación vai ben pagado coa satisfacción do feito. Así, os 'hilillos de plastilina' non foron de plastilina, nin fíos, pero como se o foran. É dicir, o resultado é algo así como tranquilos, que quen non o fixo, non o pode repetir nunca máis.
Antes, xa tiñamos claro que leis sempre houbo, e que tiveron lugar modificacións legais sobre as características dos buques ou o alonxamento de terra en Finisterre, e, ó fin, como poñía hai poucos días un xornal, non hai problema, pois a crise diminuíu o tráfico en case vinte barcos diarios do corredor de Fisterra (esqueceu botar as contas o xornal de que aína queda o paso de máis de cen buques diarios ...)
E chegamos a hoxe, ó día despois. E que?
Ningún comentario:
Publicar un comentario