20131108

Do mercado e os extras: caso Ribadeo

A estas alturas, falar do mercado case presupón falar de transaccións a nivel internacional ou case. Neste caso, non. É do mercado de Ribadeo.
Hai xa algúns días saíu nos medios que o concello ía poñer máis duras as condicións para os xubilados que vendían nel. Onte saiu no xornal a última nova sobre o tema
O caso non é tanto a nova de que os xubilados van ter que ter os seus papeis en regla para poñer postos, que é algo normal (outra cousa é que poidera facerse unha norma diferente, para permitir unha entrada extra de cartos nas casas deste colectivo). O caso é que estamos ante o enfrontamento dun colectivo de traballadores do concello e o alcalde. Non é a primeira vez que sucede, habendo enfrontamentos xa antes do encargo da Relación  de Postos de Traballo do concello. Tampouco é novo que un enfrontamento xere declaracións con certas contradicións.
Neste caso, polo que parece, o alcalde emitiu unha orde que nunha situación normal entendo que non faría falta: vixiar a ilegalidade. E a orde estase a cumprir ata un punto que ó alcalde parécelle que hai un exceso de celo.
Ó final, resulta que o alcalde reclama igual celo para o conxunto de actuacións do colectivo (e ontes vin tomar nota de coches aparcados nun sitio indebido no que non vía tal dende hai tempo) mentras aclara 'é unha orde que non din, pero a policía está cumprindo o seu deber'. É dicir, actuando como político e non como técnico, o que lle corresponde á policía. Do mesmo actúa cando di que non lle quedará máis remedio que tramitar as denuncias que lle eleva a policía local polo tema, algo que leva facendo mes e medio e que pode que esteña no seu poder, pero que introduce unha graciabilidade política que fai que tamén se lle poidera aplicar ó alcalde o de igual celo para tódalas cousas. En caso contrario, entrariamos (estariamos) nunha discriminación política debida a ... e o 'debido a' pode ser calquera cousa, a convir, e entrar nunha situación desas que están facendo que a confianza nos políticos esteña en mínimos.
A discrecionalidade política ... coido que é preferible que a discrecionalidade se empregue en facer normas para todos (un pouco máis para acó ou para aló, pero para todos) en troques de interpretacións de normas á medida (a parte do 'un pouco máis acó ou aló', agora si, agora non), que poderán ser avaladas polos xuíces pero que en calquera caso poden arrastrar un déficit de ética e unha discriminación por comparación.
E a eficiencia funcionarial... algo do que se leva escrito tinta e tinta dende antes de Larra e que, como en calquera outro corpo laboral ou social, depende das persoas concretas, aínda que haxa corpos máis contaminados e outros máis sanos. E atacalo en conxunto ás veces supón esquecerse dese detalle: o corpo social está composto de persoas, de humanos, que actuamos de xeito individual.
Así pois, en ámbolos casos, humanos, pero que sexan cousas humanas non quere dicir que non haxa que actuar para tentar corrixilas, poñendo cada un a súa parte. Segundo entendo, neste caso, o do mercado e os cartos extra son só a puntiña do problema.

Ningún comentario: