20131104

As normas, para quen as traballa

Entre chuzos que xa sitúan o ano actual entre os cinco máis chuviosos do século e están a piques de convertilo no cuarto (aínda que a piques de ser alcanzado polo 2006), escribo unha entrada sobre algo ben diferente: normas.


As normas, como outra lexislación, son humanas, e como tal admiten unha certa discrecionalidade. Hai normas como as impostas hai pouco en Madrid que prohiben durmir na rúa baixo multa de 750 € que levan a razoamentos do tipo 'pero, se tiveran 750 €, estarían durmindo na rúa?' que fan pensar que ou ben son un  sinxelo erro ou ben o que procuran é criminalizar ós infractores vía o incumprimento non só da norma, senón do castigo da norma, a máis de non dar solución ó problema. Hainas como as da época nazi que puxeron un rodillo administrativo a funcionar para a eliminación inhumana de xente, e que deberan ser incumpridas por humanidade, pero que parece que rara vez o foron polo castigo que levaba a falta de aplicación. E outras moitas casuísticas.
E así chegamos a Ribadeo, Praza de Xosé María López (como se ve nas fotos e no mapa de open street maps), unha noite como a de onte. Os contedores, abondo vacíos ... excepto un. A razón, clara. Ábrense cara a unha beira ocupada polos coches, que impiden achegarse a eles. Por certo, nun sitio de teórica circulación restinxida e aparcamento ... prohibido? Un pouco máis enriba, na mesma rúa Ubaldo Pasarón y Lastra, e por enésima volta, dunha ringleira de mogotes foi borrada do mapa (boeno, a falta dun, a día de hoxe, e algún outro co saínte abondo para que alguén se esnafre) con que 'xa se pode aparcar'.
Coido que máis que normas 'boas' e 'malas', ás veces o que hai son normas 'que se cumpren' e 'que non se cumpren', ou 'que se fan cumprir' e 'que non se fan cumprir'. E en Ribadeo a tradición é algo parello a que 'as normas son para quen as traballa', e polo tanto, os demais non se ven afectados...

Ningún comentario: