20131113

O anticuado coñécete a ti mesmo

Os gregos estarían marabillados: coñécete a ti mesmo? Non é necesario facer un esforzo de coñecemento propio! Xa está a NSA e compañía (incluídos Google ou Amazon) facendo iso por nós. Chega dicir: 'Por favor, NSA, como son?', ou 'Google, dime que crees que debo mercar'. E tes unha resposta cuasi determinista do que tes que mercar (que te faiga falta tamén cho podería dicir, pero para que) ou se podes ter remordementos por votar a un determinado partido (de novo, que debas ou non, iso non importa)
Para algo estamos a asinar a diario unha deixación de información na rede, delegando o noso poder. Si, por ise principio que nos di que información é poder.
Que deberamos preocuparnos por toda isa info que deixamos? Non, ho, non, xa nos van dicindo se facemos algo mal, e así poden corrixirnos mellor, ou se podemos pretender facer no futuro algo que non cadra co que se espera de nós, e o noso gran irmán particular (particular para cada un, pero máis ou menos para todos o mesmo) axudaranos a tomar a decisión idónea ou daranos un toque de atención.
Que molestia iso da privacidade! Mellor, a privacidade compartida. Así, a Grande Maruxa presenta asemade grandes ventaxas sobre as maruxas que van de contacontos polo mundo adiante. Boeno, case mellor, ían: hoxe as redes sociais fan que nós mesmos contemos os contos e que as pequenas maruxas se atopen sen ese elemento fundamental do descubrimento de algo segredo para que a súa mensaxe teña o impacto necesario. Hoxe, xa nós procuramos ise impacto no que deixamos aquí e aló na rede.
Para que queremos unha rede neutra? A rede, ó servizo de quen a traballa! E niso, son especialistas as grandes empresas baseadas en internet ou os modernos servizos de espionaxe intelixencia. Deixemoslles a eles que manexen a rede. Para nós, a diversión e a tranquilidade de quen se sinte protexido dos malvados no acubillo do gran irmán.
Que ben se está adormecido polo runrun das máquinas sabendo que controlan a túa vida!

Ningún comentario: