20131129

Residencia de maiores, obxectivo conseguido!

O resume sería o título: Onte ás catro da tarde foi a nova, que xa está hoxe nos medios (por exemplo, aquí e aquí)e onte pola tarde saltou ás redes sociais a partires da publicación da nota de prensa na páxina web do concello. A partires de aí, o comentario.
Vai para dous anos que xurdiu a iniciativa de xeito organizado, constituíndose a comisión veciñal integrada polas dúas persoas que se puxero en contacto con José María Rodríguez, que quedou presidente do grupo, José Ángel Salvatierra, como representante da AVV de Vilaosende, e eu, como representante de O Tesón, a encargada de xuntar de xeito inicial ás asociacións para poñer en marcha o tema. Dende entón, unha multitudinaria manifestación, a constitución dun grupo no concello, o apoio e traballo do alcalde, a unión de Ribadeo sen distinción de partido, os atrasos provintes da Xunta e a visión da Deputación, ... foron sumando fitos ata chegar á actualidade. Unha actualidade que supera as previsións de prazos dun xeito satisfactorio.

E a actualidade é que a Deputación asumirá hoxe nominalmente todo o gasto necesario para chegar ó orzamento total da residencia: dos 2,3M€ previstos, e tras o apunte da Xunta de que chegaba (e paraba) en 0,5M€, a Deputación poñerá 1,8M€ en catro anualidades, co que o concello terá que asumir só os flecos que vaian quedando.

A lectura é que a Deputación lle meteu un gol á Xunta na portería de Ribadeo, gol que a bon seguro será aproveitado pola forza política dominante no concello, habida conta de que cara ás próximas eleccións a construción debera estar abondo adiantada.
Pero non se trata deso, senón de observar que a unión fai a forza, e aínda cos seus máis e os seus menos, José María Rodríguez liderou un movemento no que a unidade foi esencial e no que a forza veciñal se ten manifestado de xeito contundente. De agora en diante, a comisión veciñal, sen poder executivo, irá deixando paso ás institucións para o desenvolvemento e dirección que deban de tomar as obras ou a xestión. Coido que así debe ser, tendo unha visión de coidado dende un segundo plano despois dun longo e fructífero camiño.
De seguro voltaremos a escoitar da residencia, pero o fito está xa: Ribadeo terá unha nova residencia de anciáns.

Ningún comentario: