As asociacións Francisco Lanza,
Alesancia e Mariña Patrimonio promoveron na tarde do pasado sábado
21 unha visita ao lugar das Anzas, onde se atopa un peculiar
xacemento arqueolóxico coñecido dende hai moito tempo como “as
pisadas do encanto”, hai pouco inscritas no rexistro administrativo
da D. X. de Patrimonio como petróglifos podomorfos. A visita foi
guiada por Manuel Miranda, co apoio de Vicente Méndez e Elia
Rodríguez, parella entrañable que se adica, na súa finca “As
Fadegas”, á producción de horta ecolóxica nese lugar fantástico
das Anzas.
O xacemento está ubicado na beira do
río Alesancia -oficialmente río Grande- que coincide cunha liña de
falla moi visible na parede de pizarra da súa beira esquerda. Nunha
repisa natural deste escarpe, pola que pasou tradicionalmente o
camiño entre As Anzas e Salcedo, é onde se atopan estas gravuras. A
interpretación que tradicionalmente se lle deu a este lugar máxico
foi que nel reside un encanto en forma de rapaza loira que ten unha
galiña con pitiños de ouro; aquel que pase por este camiño nos
días próximos ao San Xoan, pode sufrir o encantamento que o fai
desaparecer engulido pola pedra. O certo é que a vecindade tivo
sempre bo coidado de evitar pasar polo lugar nos días sinalados polo
solsticio de verán, ...por se acaso
As gravuras reproducen, dende o lado
norte, pegadas de pes humáns, e dende o sur, pegadas de oso, que
parecen encararse no centro da rocha. Desde a arqueoloxía, como
todos os petróglifos, resulta arriscado dar explicacións sobre o
seu significado, sen dúbida simbolico. Como se explica na web Terrae
Antiquae, hai implicacións astronómicas
relacionadas co solsticio de verán, e a combinación de pegadas
humanas e de oso poderían ter relación coa conversión de home en
oso, símbolo da asunción do poder.
Próximo a este lugar, Vicente e Elia
ensináronnos outros puntos de interese, un castro situado na márxe
dereita do río. Vicente lembra ter entrado co seu tío, hai moitos
anos, nunha cova de muros e cuberta de pedra. Aínda é facil ver
altos muros parcialmente derruidos pola maquinaria que trazou a pista
de acceso a este imponente castro. Tamén nos ensinou unha desas
rochas de seixo branco próximas aos xacementos castrexos que algúns
arqueólogos interpretan como lugares ceremoniais.
De volta en Ribadeo, a Casa
das Letras cedeu xenerosamente o seu coidado
espazo multiusos para que Antonio Reigosa, o noso referente cando
tratamos do patrimonio inmaterial, nos deleitara repasando algúns
dos mitos, lendas e lugares máxicos da Mariña. Como se pode
apreciar na súa enciclopedia da fantasía popular, Galicia
Encantada, este home é capaz de facernos voar
ao mundo dos seres máxicos que a nosa cultura popular ten producido,
reproducido e transmitido desde hai miles de anos. Unha herdanza que
hoxe nos costa comprender pero que permanece na memoria colectiva,
misteriosamente agochados na infinidade de lugares máxicos: nos
montes, nas rochas, nos vales, nas fontes, na beiramar,... Antonio
deixounos a mensaxe de que temos un inmenso patrimonio mitolóxico,
de gran fiabilidade na identificación de xacementos arqueolóxicos
que nos aportan información sobre o noso pasado remoto, tan
descoñecido como apaixoante.
Fotos: http://www.flickr.com/photos/97739145@N05/sets/72157638940579716/
Ningún comentario:
Publicar un comentario