Pásanme o aviso de que hoxe, xoves 20131219, ás 20:00, no salón de actos da Casa do Mar, haberá un acto informativo sobre a renda básica universal. Nun comezo estaba previsto que participaran Roberto Porras, do 'colectivo Alambique-Baladre', e Eva Solla, de AGE, pero esta última, por mor dun accidente, non estará.
Quédanme varias ideas na cabeza despois de pasar o aviso.
A primeira delas é que nesta aldea capital que é Ribadeo tan pronto non hai acto algún como se acumulan os actos interesantes que fan que, á postre,non se acoda á maioría deles. E é que en horario semellante, coido que hai a proxección da película 'A cicatriz branca' no cine teatro.
A segunda, botando contas, que se pretende unha paga universal duns 600 €, o que significa case o 50% máis da paga que receben os membros do colectivo de xente desempregada que ten perdido o paro e cotizado un tempo antes e pola súa idade son de difícil reinserción. E é que segundo informe da UE, sería o necesario para vivir en España. Por persoa.
A terceira, que se é aplicada de xeito xeralizado a case 50 000 000 persoas en España, resulta 30 000 M€ mensuais, ou 360 000 M€, o que faría pensar en algo que non se pode manter, se non se cae na conta de que isa cantidade movería a economía, xeraría crecemento e impostos , ... coido que sería moi longo expoñelo aquí. Mellor, como mínimo, ir á ligazón da wikipedia, senón á charla.
Outra máis, nunha versión light, aplicando a renda de xeito non tan universal, senón 'só' ós seis millóns de parados, resultaría 3 600 M€ mensuais ou 43 000 M€ anuais, equivalentes ó monto de prestacións do paro e cantidade netamente inferior ó adicado estes últimos anos á banca.
En calquera caso, sempre están detrás ideas como o que se solivianta a economía, que se crea xente parásita, ... e por iso se fan cousas como o acto informativo: para informar e desmontar acusacións que poden resultar moi sesgadas ou froito de ideas preconcebidas.
Mágoa que a xente que asiste a istes actos sexa en xeral só xente xa convencida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario