Moitos cortes de subministro eléctrico levamos en Ribadeo. Moitas queixas levan xerado. Nos bares. Nas rúas... Coido que xa deberamos levar tempo tomando nota de cada corte para a reclamación, porque nos afecta a todos, e necesitamos datos para que non nos digan sinxelamente que cumpren coa lexislación e se queden tan panchos.
Hai algúns días comecei propoñendo un hashtag, #cortesdeluzRibadeo, en Facebook, coa idea de que se puxera o día, hora, lugar de Ribadeo afectado e duración aproximada do corte, para que quedara constancia con datos abondo de cada un dos cortes de luz que sofre Ribadeo e fora doado para calquera recuperalos e tratalos como información. Aínda non sei ben por que, pero decateime de que ó procurar polo tag só podía ver os meus, polo que non vale como algo xeral. Coido que facendo o mesmo en twitter, a cousa está solucionada.
Ben, a istas alturas, posiblemente se lle ocorra a alguén un método mellor para aglutinar datos sobre os cortes de subminsitro eléctrico. A falta doutro mellor, #cortesdeluzRibadeo en twitter pode servir. O caso é que a xente colabore e se teña un rexistro detallado para poder usalo e forzar á compañía a dar un servizo de calidade. Sen escudarse, por exemplo, na necesidade e urxencia dunha estación asinada no 2008, tramitada coa urxencia requerida e mesmo sen condicións, e que aínda non se comezou a poñer en pé.
Ningún comentario:
Publicar un comentario