"
DESDE ESTA TARDE ESTÁN NO CONCELLO
Libros restaurados
09/01/2014
O alcalde, Fernando Suárez, recolleu hoxe na
sede do Arquivo do Reino de Galicia os preto de 40 libros dos séculos
XVI e XIX que foran remitidos desde o Concello para a súa restauración
hai uns trinta anos. Os exemplares, moitos libros de actas, están
depositados na Secretaría Xeral do Concello e estarán a disposición
daqueles estudosos que queiran coñecer un pouco máis da historia de
Ribadeo.
Suárez Barcia explicou que "por fin xa está en poder do Concello de
Ribadeo toda esta documentación histórica que hai uns 30 anos o noso
Concello lle remitiu ao Arquivo Histórico de Galicia para proceder á súa
restauración, dado que se atopaban en moi mal estado de conservación.
Agora por fin teremos estes libros de actas que van desde o século XVI
ata o XIX, hai tamén libros relacionados co porto comercial de Ribadeo e
unha serie de documentación histórica que seguro fará as delicias de
moitos historiadores e de xente que quere coñecer máis do noso pasado". O
rexedor lembrou que "Ribadeo non é unha entelequia que se creara hai
cen anos, senón que ten unha grande historia e esa historia documentada
é a que non se debe perder e é a que todos estes restauradores
estiveron a facer". O alcalde ribadense engadiu que "agora estes libros pasarán a formar parte do arquivo histórico do Concello de Ribadeo, e poderán estar a disposición, con todas as cautelas necesarias, daquelas persoas que, polo seu coñecemento histórico ou pola súa cuestión de investigación, queiran interpretar, ler e saber un pouco máis da nosa historia".
Fernando Suárez anunciou que "desde o Concello tentaremos iniciar un trámite de dixitalización para que toda esta información poida estar ao alcance de todos e ao mesmo tempo que sirva para que os veciños e as veciñas de Ribadeo poidan saber un pouco máis da historia pasada ou incluso remota, nalgúns casos, do noso concello".
Os libros atópanse desde esta tarde no Concello. Alí se deron cita o alcalde, a concelleira de Cultura e representantes dos partidos políticos da Corporación Municipal ribadense."
Vale, as actas, están en Ribadeo. Estaban en mal estado e leváronse a reparar. Parece evidente que, a parte do seu valor, non se consideraron moito cando levaban alí 'uns trinta' anos e foron redescobertas. Por outra banda, obviando o tema anterior, o alcalde fala de tentar iniciar un trámite de dixitalización, pero despois de pasar a formar parte do arquivo histórico cun acceso restrinxido. A verdade, despois de trinta anos, o proceso podería alongarse un pouco para ser o contrario: primeiro, dixitalizarse e logo, pasar o arquivo para o seu uso restrinxido.
E é que o cómo se podan ver vai marcar o seu uso, e a recuperación despois de trinta anos era unha ocasión para que a cidadanía se interesara polo tema e o collera doutro xeito do que o collerá cando se faga o escaneo (que algún día se fará). Por outra banda, se os documentos se cargan en internet nun formato e forma que permita a total accesibilidade, pode sinxelamente dar outra visión do que foi (e é) Ribadeo. Se se vai quedar a cousa durante longo tempo en poder consultar os tomos no mesmo concello, quedará reducido ó estudo por parte de dous interesados e coñecerase o que sexa a traverso dos seus ollos e a súa mente.
Coido que non é que haxa nada de particular esperando a priori, pero o mero feito de consultar algunha parte irá abrindo camiño á atopar cousas concretas. A quen sexa, investigadores ou pobo 'llano'.
En canto á conservación, o mellor xeito de que esteñan ben conservados é que a dixitalización funcione e non sexa necesario ir directamente á fonte máis que en casos excepcionais. Naturalmente, iso pasa pola total apertura dos documentos en internet nun formato totalmente accesible (aberto e non propietario, manexable de xeito doado para a súa transformación, ...)
E, mentras, que é o que pode dicir a xente que estivo na corporación ou na parte correspondente de oficina todos istes anos? Que pasou para que as actas quedaran abandoadas istes anos? Non importa, xa que están de novo en Ribadeo? Tampouco aquí, por moito que o asunto poda considerarse menor, vai haber responsables?
Ningún comentario:
Publicar un comentario