20140210

Seguindo cunha boa nova

A nova residencia, obxetivo cumprido
Logrado o financiamento suficiente para facer realidade a construción dun xeriátrico para Ribadeo e a súa bisbarra e recibida en data de hoxe a preceptiva autorización para a súa construción, parece chegado o momento de facer unhas breves reflexións sobre o longo percorrido realizado, tres anos, ata acadar o logro deste obxectivo.
Dende a posta en marcha desta demanda cidadá en febreiro do ano 2011 foise percorrendo un longo camiño ata ver cumprida a estratexia deseñada para acadar o obxectivo final. Un longo percorrido adicado a espertar as conciencias dos ribadenses sobre a sangrante realidade do abandono dos nosos maiores, acadar un consenso total das forzas políticas do noso concello para apoiar este obxectivo, e finalmente lograr que o alcalde convertese esta demanda veciñal no obxectivo prioritario da súa xestión municipal. E toda esta campaña e esforzo dirixido a estimular e mobilizar as vontades das Administracións Públicas con competencia e capacidade nesta materia para poder converter este obxectivo nunha realidade.
Os veciños do concello de Ribadeo, representados por un pequeno grupo de persoas previamente elixidas por eles, percorreron un arduo e longo camiño de persuasión e animación para facer pública a súa demanda nunha inxente manifestación. Os voceiros dos catro grupos políticos con representación municipal, BNG, PP, PSOE Y UPRI, comprometeron a súa colaboración e apoio total a esta demanda, empeño que mantiveron ata o final, aparcando todo intento de rivalidade partidaria sobre este tema. O alcalde, superadas as dúbidas iniciais sobre a posibilidade de acometer esta demanda, non tardou en asumir esta grave necesidade e o mesmo alcance da demanda vecinal, facendo súa a vontade irrenunciable do pobo de loitar ata a consecución deste obxectivo. Apoiado polos demais voceiros dos grupos políticos e pola Plataforma de Veciños púxose mans á obra de seguido, esgotando todos os medios e recursos nunha actuación modélica e nun alarde de cintura política para tratar de concienciar e convencer ás Administracións, tanto á Xunta de Galicia en canto responsable destas competencias, como á mesma Deputación Provincial, na súa condición de ente
Escritos diversos e entrevistas persoais varias sucedéronse durante este longo tempo, tanto coa Conselleira de Traballo da Xunta coma cos órganos directivos da Deputación, especialmente coa Vicepresidencia na persoa de D. Antonio Veiga, quen sempre manifestou o seu total apoio ás nosas demandas, e que finalmente se concretou nunha substancial achega económica. Moitas e arduas reunións que produciron o seu froito, óptimo coa Deputación e non tan xeneroso como cabía agardar coa Consellería de Benestar da Xunta, e que fixeron posible que, por fin, os ribadenses poidamos contar cos recursos económicos necesarios para a construción da Residencia.
Cabe, pois, felicitarse entre todos polo éxito acadado do noso obxectivo e agradecer moi cordialmente a sacrificada colaboración de todos cantos contribuíron a alcanzar este logro. Aos veciños, que estiveron prestos a mobilizarse para demandar a cobertura desta grave necesidade. Aos membros da Plataforma, que sacrificaron o seu tempo para organizar o percorrido que nos conduciu ata aquí. Aos voceiros dos grupos políticos municipais, que dende o primeiro momento apoiaron con todas as súas forzas este obxectivo esquivando anteponer a éste calquera prioridade partidista. Aos mesmos medios informativos que souberon esmerarse en transmitir fielmente e apoiar o desenrolo dos acontecementos desta longa loita. E finalmente o noso máis profundo agradecemento á persoa do alcalde, Fernando Suárez, que con tesón, prudencia e paciencia, soubo guiarnos e manter unha loita constante con todos os elementos adversos e vencer con paciencia cantas dificultades se interpuxeron no noso camiño, que non foron poucas.
E agora fagamos votos para que a sorte acompañe estes esforzos para ver pronto convertido esta utopía en realidade e poder incorporar á nova residencia o máis pronto posible a todos os anciáns ribadenses que están a sufrir en residencias afastadas un amargo e involuntario desterro lonxe da súa terra e dos seus familiares e amigos.
José María Rodríguez

Ningún comentario: