20140219

Un adianto á residencia de Ribadeo

Iso, un adianto, foi o anunciado polo alcalde de Ribadeo en relación á residencia: comezarase o trámite para a licitación aínda sen asinar a aportación de 500 000 € por parte da Xunta. Para elo, unha manobra: o concello poñerá esa cantidade de ser necesario adiantala porque a aportación se retrase (esa é a proposta de cara ó próximo pleno, que sairá adiante porque ten os votos necesarios).
Entendo que é ó tempo unha boa cousa (evita retrasos que poderían facer perder a subvención xa asegurada, ganando un tempo fundamental) e unha manobra que deixa, de novo, á Xunta en pública exposición en Ribadeo como non colaboradora. Manobra que o goberno xunteiro ten ganada a pulso despois de ser unha rémora ó proxecto durante longo tempo. Agora segue a selo, pero xa non ten a posibilidade de paralo por medios 'normais', polo que é de esperar que a manobra do alcalde surta efecto pronto e se materialice a promesa.
Por iso, aínda que como teño dito fixo que a residencia dará aínda abondo que falar cos seus avatares antes da finalización, xa está en marcha un pequeno resume da historia da consecución. Un resume que estimo é de manual, guía para actuacións futuras de interese comunitario, sobre unha petición que aproveitou as posibilidades que da o poder dos veciños. Como din ó anunciar unha película nunha sala, 'pronto aquí'.

Ningún comentario: