20140330

Amadores? Ben, grazas

Onte foi a asemblea de Amadores da Música. Extraordinaria, cun único punto na orde do día, a elección da nova directiva. Curta, cunha duración duns vinte minutos dende as nove da noite en que comezou en segunda convocatoria. Numerosa, máis de 40 socios, relativamente para unha sociedade que viña tendo uns vinte socios nas asembleas, como moito. Inesperada despois da última, na que apareceu unha Amadores agónica en procura da súa continuidade.
Foi sinxela, pois comezou co anuncio da existencia dunha candidatura, encabezada por José Luis Pulpeiro Grueso (músico da banda), con José Manuel Yáñez Dablanca ('Manel', profesor, concelleiro polo PP) como vicepresidente, Vanessa Fernández Rivas (música, foi aspirante á concelleira polo BNG) secretaria, José Ángel Bolaño Penelo (economista, foi aspirante a concelleiro polo PSOE) como tesoureiro, Aurora Fernández Peña (ex música) como encargada de material, Xosé Farruco Graña, vogal, Ramón Santiago Fernández Reinante, vogal, Mª Teresa Martínez Souto, vogal. Fago referenza a algunha característica dos cargos unipersoais só como motivo de identificación, non porque crea que, por exemplo, a súa pertenza a un determinado partido nun determinado momento vaia pasar por riba do interese xeral.
Despois o Presidente proposto desgranou os puntos salientables do seu programa. Entre eles, unha oferta de traballo conxunto coa escola, a potenciación do interese dos músicos mediante un sistema de recompensas ou o tomarse tempo para orientar o futuro da formación, se fora necesario.
A votación contou con seis votos delegados, totalizando 37 votos a favor e 11 abstencións, sen ningún voto en contra. E, visto en retrospectiva, penso que parte desas abstencións van na dúbida do comentario que fixen sobre as características dos cargos unipersoais.

Para min é ilusionante ter, tres meses despois dunha asemblea na que Amadores se deu un tempo para procurar a súa continuidade, unha nova directiva de xente entre a que algunhas persoas entendo que garanten un traballo contínuo, de miras amplas e coa adicación necesaria. Naturalmente, isto non garante o éxito, pero si unha procura encamiñada nun momento no que a sociedade e a banda necesitan algo máis que establecer un 'piloto automático'.

Ningún comentario: