20140310

dende Ribadeo, máis aló do Facebook

Segundo Facebook, Ribadeo xa está en Galicia (aínda que, se te pos a trastabillear, habería que matizalo). Érache boa! Como se porque o dixera o Facebook, Ribadeo deixara de estalo. Mais esa situación campou anos, cos perxuízos correspondentes, con difícil solución. Tan difícil solución que O Tesón non conseguiu o cambio, e o alcalde, por medios normais, tampouco. Houbo que recurrir a unha das familias influíntes de España para solucionalo como si tal cousa. O ter a razón fronte a unha equivocación pouco significaba nese mundo que ten o control. Tan pouco significaba que non só os veciños individuais ou as asociacións, tampouco os alcaldes á fronte de 10 000 veciños eran quen nin de poñerse en contacto cos responsables do cambio dun erro -en principio hai que cualificalo de erro, aínda que pola persistencia parecería máis un encono- nin moito menos, conseguir ese cambio.
Neste caso, ó igual que outros moitos, trátase dunha empresa que pasa por riba de nós e nin se decata, porque aínda que somos fundamentais como propia substancia de mercadeo, é a mesma empresa, amparada en leis favorecedoras, quen considera normal e lóxico estar por riba, sen ter que dar conta a eses usuarios necesarios que usa. E co intercambio de posicións das persoas (e das súas ideas) entre postos políticos e empresariais, algo parello se pode dicir da política. Así pois, dende a nosa perspectiva de cidadáns invisibles, grazas ó alcalde, que ó tempo, dá as grazas ó conseguidor, neste caso, Víctor Calvo-Sotelo, consagrando así polo uso unha xa moi vella cadea de favores á que estamos afeitos nesta terra. Feito conseguido, trasego de influenzas engrasado, continuamos adiante sendo irrelevantes. Facemos unhas eleccións?

Ningún comentario: