20140326

Hoxe no xornal aparece unha nova normal: subrealismo real

Hoxe no xornal aparece unha nova normal: o concello descarta adquirir unha grúa para retirar coches dos vados. O razoamento do alcalde, impecable: non se pode ter un funcionario adicado a retirar coches nun concello como o de Ribadeo.
A nova especifica ademáis que xa hai abondos anos que o taller que se encargaba de retirar os coches obstructores deixou de facelo porque lle traía problemas con posibles clientes. É dicir, que dende hai anos, Ribadeo non ten un servizo de retirada.
A cousa parece non ser demasiado grave, incidindo puntualmente nas persoas ás que lle toque o abuso dos demáis, que o considerarán no seu momento coa gravidade relacionada coa présa / necesidade de uso do vehículo: non será o mesmo quen non pode sacar o coche para ir a traballar a outro lugar do pobo que quen ten unha urxencia para levar a un familiar ó hospital de madrugada.
Pero a cuestión entendo que non está en pararse en casos concretos e a súa urxencia, senón no fallo sen amañar dun servizo prometido e teóricamente establecido. Vaia por diante que o mesmo alcalde non só contempla de xeito impasible a 'historia' senón que especifica que o seguirá a facer, pois a reforma que incumbe ós poderes dos concellos desvía o poder de retirada de vehículos cara a outras institucións, e polo tanto, xa non lle tocará ó concello: será problema de outros.
Mentras, dispúxose unha norma, con multas incluídas, que se está a pasar polo forro. E que pasa? Nada. Unha norma máis que ten prima para quen non compre, que pode abusar e ten ventaxa sobre quen si o fai. Ademáis, nunha situación así, de non aplicación contundente, a resposta ante quen incompre pode ser matizada, interpretada, e polo tanto, desigual segundo quen se teña enfrente, introducindo unha desigualdade máis no sistema, que pasa a recorrer o camiño dende social a asocial, chegando a insocial.
Unha nimiedade, neste caso, que manifesta o que ocorre con outras leis. E que non se bote tampouco en saco roto o motivo polo que se botou atrás o amaño co taller para dispor de grúa: o poder de presión dos cartos fronte á prestación dun servizo.
En conxunto, algo pequeno que parece unha mostra resume do que está a suceder en gran escala a nivel estatal. Por certo, estou escoitando chover sobre mollado.

Ningún comentario: