Onte pola tarde Ribadeo tiña atractivos abondos. Un deles, a apertura de plicas para facerse co contrato da residencia de maiores, que me enterei unha hora antes de que era público (ter lido ben as bases!) e no que se puido ver que había dende algunha empresa local, poucas, ata multinacionais, pasando por UTEs, pero pouco máis de información real, e que rematou coa invitación á saída do público (tres persoas relacionadas con empresas e dúas coa plataforma pro residencia) para asignar a puntuación e o contrato, e do que aínda non sei o resultado.
Outro atractivo, a charla sobre a lei do solo, promovida por xente de AGE e na que participaban Margarida Prieto, coordinadora da loita contra a megaminería do SLG e Antón Sánchez, Deputado de AGE no Parlamento de Galicia, quizáis un pouco aburrida na exposición para o meu gusto, pero interesante pola información, que gravei e se saiu ben a gravación, colgarei.
Pero o que máis me chamou a atención onte foi unha nova que escoitei a traverso de terceiros, da apertura dunha confitería en Ribadeo, no local da antiga pastelería Eijo, no mesmo que leva aberto dende aquela unha cafetería guadiana baixo tres rexentes diferentes. Trataríase dunha pastelería con tradición en Mondoñedo, a Alianza, que viría reforzar a produción local e ofrecer un lugar para acompasar pasteis e café en Ribadeo, algo que escasea nestes momentos. De calquera xeito, a nova para min non sería tanto esa como algo que non puiden confirmar pero que só a súa suposición me levou a pensar sobre a caída relativa duns lugares en relación a outros, neste caso, Mondoñedo fronte a Ribadeo. Trataríase, segundo me chegou, dun traslado, con peche en Mondoñedo e apertura en Ribadeo, e non dunha sucursal. E repito, o mero feito desa consideración me leva a pensar a caída en picado que está a ter Mondoñedo, coa puntilla do paso lonxe da autovía, unha volta desfeita a antiga industria que alí había. Para min trátase dunha especie de epitafio a unha vila que no seu momento foi unha cidade puxante dentro de Galicia: Mondoñedo, QEPD
Ningún comentario:
Publicar un comentario