20140313

Ribadeo e o libro

    Vexo hoxe a nova de que Ribadeo vai recuperar a feira do libro. Vinte anos teñen pasado dende que a organizara a A. C. Paco Lanza. No medio, un intento do concello, sen chegar a bo porto pola crise, segundo explicaron. Agora, ven de mans federais: da federación de libreiros galegos. Diría que algo terá que ver algunha librería ribadense, pero a estas horas da mañá a única nova que teño e a do xornal, e nada diso pon.
    Apuntan a que será polo verán. O momento que máis público pode acoller, e polo tanto, máis ventas, sumará outra actividade máis ás moitas que se celebran na vila durante esa época.
    Teño curiosidade por esta nova feira, que substitúe á vella que chegou a ser a máis antiga de Galicia, nun momento no que as ventas de libros están baixo mínimos segundo as estatísticas, e nos que as verbas escritas teñen novos modelos de propagación en efervescencia, de blogs a lectores electrónicos.
    Mentras chega a feira, e para axudar a difusión do libro en ausencia dunha ferramenta como a que Ángel Alda remata de reseñar en Madrid, aquí deixo un mapa cos 'centros de libros e adxuntos' de Ribadeo:

    Como lenda, en vermello, as bibliotecas de centros de ensino, en azul, a biblioteca pública Viejo Pancho, en verde, librerías, e en amarelo, quioscos. Existen ademáis outros lugares nos que se pode mercar a prensa. E a sección de bookcrossing na oficina de turismo.

Ningún comentario: