20140318

Vidrieiras pouco transparentes

As vidrieiras soen usarse para deixar un espazo diáfano decorado. Para elo, necesitan transparencia ó tempo que cor.
En Ribadeo vai xa para catro anos que se detectou pola AVV O Tesón o caso dunhas vidrieiras, as da capela do cemiterio, que sendo patrimonio ribadense a cargo do concello (que non propiedade del) se tiraron e mesmo queimaron, con grande perxuízo. Fíxose dende a asociación o que se puido para tentar que as vidrieiras voltaran a unha presenza como nos mellores tempo, e na procura de responsabilidades. O concello respondeu demandando á compañía de seguros para conseguir algún carto para a reparación, que se cifrou en 14 000 €. Unha volta conseguidos os cartos, as vidrieiras reparáronse e remontáronse, esquecendo calquera outra cousa, como a transparencia de cara ó público. E así, sobre culpabilidade ou protocolo de actuación para evitar casos semellantes, nada se sabe. E as vidrieiras están postas, pero coa capela cerrada, e sen ter visto antes de preto as vidrieiras, tampouco se sabe como resultou a reparación. Por iso, o pasado 31 de xaneiro, na xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións do Concello co Alcalde e o Concelleiro de Medio Ambiente, foi presentado o tema e porla parte oficial, quedouse en que a semana seguinte habería uns días de portas abertas na capela do cemiterio para observar alomenos dende embaixo e o interior como quedaron. Diso fai mes e mediolargo, e non se voltou saber máis desa mínima posibilidade xa non de control, senón de desfrute do patrimonio ribadense.
Por elo, despois de ter dado O Tesón entrada no concello o 10 de decembro, un mes longo antes da súa restitución, un escrito que incluía
"(...)Expón que
A sociedade ribadense ten como referenza as súas declaracións no sentido de que as vidrieiras estaban a piques de finalizar a súa restauración, o que suporía a súa rápida restitución
Polo que
Solicita a súa exposición previa en sá de exposicións para que as xentes de Ribadeo poidamos ver de preto as vidrieiras e a calidade da súa restauración(...)"
algo que quedou sen resposta, o 26 de febreiro lemboruselle ó alcalde o dito, cun escrito que incluía:
"(...) solicitamos de novo que sexa realizada a exposición das vidrieiras, facilitando os medios para que o pobo de ribadeo poda aprezar de preto os traballos realizados, as condicións da súa instalación e as diferenzas, de habelas, coas antigas vidrieiras, así como aportando datos para a súa mellor aprezación.
Asemade, reiteramos que polo momento non se ten observado ningún movemento para procurar responsabilidades nin para evitar no futuro por outro xeito actuacións semellantes, polo que advertimos que ambalasdúas cousas iran en perxuízo do pobo de Ribadeo".
... e todo segue igual, tres semanas máis despois. A historia voltará a repetirse, a máis de non saber cómo se solucionou desta.