Mais o Sol xa se ve por riba do ecuador. Medímolo o pasado día 20 (equinoccio de primavera a media tarde, 16:57 UTC), como deixa patente a seguinte nota de prensa enviada xa hai uns días:
"
Medindo a Terra
Onte, xoves 20 de marzo, foi o equinoccio de primavera. No IES de Ribadeo Dionisio Gamallo aproveitouse a soleada mañá para facer medicións. Tres grupos de alumnos voluntarios empregaron varias horas e os seus respectivos gnomon para obter o tamaño da sombra mínima a mediodía dun vástago vertical. A inclinación con se vio o Sol no momento de mínima sombra o día con igual duración da parte nouturna e diurna, como onte xoves, corresponde á nosa latitude. Así, a media dos resultados dos tres grupos de alumnos de 1º de bacharel apuntou a 43,28º, unha posición que na realidade está lixeiramente ó sur de Ribadeo. Na mesma medición tamén se comprobou o desfase entre a hora legal e a hora solar, correspondendo onte as 12 hora solar coa unha e media algo pasada en hora legal, o que levou a lembrar o desfase horario de Galicia co actual sistema de horario legal a nivel do estado.
O anterior non deixaría de ser máis ca unha curiosidade para mellorar os coñecementos dos alumnos se as medicións non foran confrontadas coas doutros catro centros, do case viciño IES Galileo Galilei de Navia ós de Manilva (Málaga), Villaviciosa de Córdoba e Oliva de la Frontera (Badaxoz). A confrontación de datos entre os IES permite calcular o radio da Terra ou a súa circunferencia, o que se está a facer, obtendo cos datos xa tratados (faltan aínda datos de tratar) unha pequena desviación en relación á medida aceptada de 6 370 km de radio. O método seguido, usado por primeira vez por Eratóstenes, estúdase na teoría de ciencias, pero raramente se comproba.
A experiencia, coordinada polo profesor extremeño Jesús M. Carballar, aglutinou a perto de cen alumnos do conxunto dos centros, e terá difusión, entre outros lugares, por parte da ‘Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología’ (FECYT).
Estaba previsto que se continuara coa medición o día 21, corroborando e mellorando os datos do día anterior, pero a temperie da zona norte peninsular impediu facer as correspondentes medidas.
"Embaixo deixo duas fotos das medicións, xunto á fachada sur do novo edificio do IES.
Ningún comentario:
Publicar un comentario