A 'revolución dos caraveis' en Portugal hai 40 anos marcou un día distinto tamén para España, sumida naquela época no final do franquismo. Hoxe vese como unha revolución incruenta, case como unha excepción dentro do cambio político instantáneo, e tamén se pode observar en perspectiva a traxectoria portuguesa posterior e concluír cales foron os cambios reais en Portugal a partires da emisión radiofónica do 'Grândola, vila morena'.
Este ano Ribadeo en certo xeito vai celebralo, pois terá lugar hoxe unha homenaxe a un artista que despuntaba daquela, Miro Casabella. Copio parte da nota de prensa anunciándoo:
"(...) Sobre todo o que se pretende é pór en valor o traballo de recuperación democrática e de pensamento galeguista e nacionalista ao que contribuíron figuras da canción do tardofranquismo e a época da transición.
Os actos do venres en Ribadeo consistirán nunha exposición fotográfica na zona peonil con imaxes de mobilizacións sociais e traballos discográficos da época da Transición. ás nove da noite haberá uns pasacalles de Tumba e Dalle e actuarán fronte ao Teatro as pandereteiras de Alesancia. Tamén haberá repartición de caraveis vermellos e postais e darase comezo a un concerto que incluirá as actuacións de Tundal, do grupo de Antón Castro (ex de Fuxan os Ventos), a música ribadense Carmen Rodríguez, que versionará un tema de Miro Casabella, ademais do gaiteiro de Viveiro David Bellas, que interpretará unha peza escrita en recordo do homenaxeado.
Tamén haberá lecturas de Eli García-Bouso, da agrupación cultural Francisco Lanza ribadense, ou de Tamara Rubiños, de Ollomao de Barreiros.
Presentarao o xornalista Xosé Salgado Agrelo e conta coa colaboración do Concello de Ribadeo e o Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo. En total, participan once asociacións da comarca".
Quen vaia ver a foto da presentación nos xornais (por exemplo, aquí), poderá verme polo medio. En realidade, pode dicirse que 'eu pasaba por alí', pois non participo na organización, pero fun enterarme por unha razón persoal: Hai preto de corenta anos que estiven nun pequeno grupo que se encargou de organizar un concerto de Miro Casabella en Valladolid, do que me lembro de varias cousas, incluído o moderado éxito de público ou o ter quedado xusto a pre, pero tamén de que Miro preferiu pasar a noite nunha casa de coñecidos a facelo no hotel no que estaba previsto. E dende aquelagardo unha certa deferencia. Alédome de que hoxe, 40 anos despois do cambio de goberno portugués, sexa el o motivo dunha celebración en Ribadeo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario