20140410

25 de maio

Non, hoxe non é 25 de maio. Pero hoxe remato de ver que dende o pasado día 7, e ata o próximo luns 14, pódense ver no concello as listas electorais: 'Listas do censo electoral
 O alcalde, Fernando Suárez, asinou un bando no que fai saber que "con motivo das Eleccións ao Parlamento Europeo que se celebrarán o próximo 25 maio de 2014 e co fin de asegurarse o dereito de sufraxio activo, las listas electorais correspondentes a este termo municipal poderanse consultar no departamento de Estadística da Secretaría do Concello entre os días 7 e 14 de abril de 2014, ambolos dous inclusive a través do sistema informático obrante na referida dependencia". No bando insístese en que "como recentemente se produciron diversos cambios tanto nos nomes dalgunhas rúas como no seccionado no núcleo urbano de Ribadeo (que afecta ao lugar de votación) e numeración de edificios, co fin de corrixir, no seu caso, os erros que se puideran ter producido é convinte en especial a comprobación deses datos nas listas electorais polos veciños que residan nalgunhas desas rúas". E engade que "as reclamacións poderán formularse entre eses mesmos días, do 7 ao 17 de abril, enchendo o impreso que ao efecto se lles facilitará no Concello e aportando fotocopia do DNI, carnet de conducir, pasaporte ou tarxeta de residencia".'
Detalles para a preparación dunhas eleccións, deixan ver unha parte, a administrativa, que é necesaria. Pero non abonda. Evidentemente, non deixa de abondar só en Ribadeo, senón a nivel estatal. Son outras cousas, máis inmateriais, as que deixan ás persoas que estamos convivindo en España, coa sensación de que as eleccións non se están a preparar. Dende a rexeración interna dos partidos políticos á da propia estrutura política, pasando pola xestión da crise desigual segundo para quen, cousas todas nas que se podería entrar en detalles, manifestan que as próximas eleccións non están -nin estarán- preparadas. E por iso, o desenlace que se prevé é moi variable, e tamén por iso, de cara a próximas eleccións, hai escarceos para cercenar de xeito normativo posibles cambios: o típico 'cambiar todo para que todo siga igual', só que neste caso ó meu ver trátase de cambiar algunhas cousas para lograr alimentar unha desigualdade.
Mentras, os partidos, dun xeito ou outro, preparan as eleccións. Algúns, facendo que se fale do que non hai aínda, outros, creando formacións e, ó tempo, divisións. A xente non preparamos tanto. Máis ben, resignámonos. Para a nosa desgraza.

Ningún comentario: