20140404

O bocata demográfico

Ribadeo non é unha excepción dentro de Galicia: todos sabemos que temos un 'problema demográfico' que ata fai que pidamos axuda á UE.
A cousa é que se temos unha situación de 1,05 fillos por muller, iso quere dicir que, fluxos migratorios aparte, nuns 20-25 anos, unha xeración, a cantidade de xente con isa idade será a metade que hoxe. cos problemas de mantemento dos 'vellos' por parte dos 'novos'. Coido que a iso habería que sumarlle que ó envellecer, a sociedade perde vigor como calquera outro organismo o fai. E, no caso de Galicia, hai que sumarlle os efecto da emigración que estamos a ter na actualidade, un saldo migratorio que agrava a falta dunha taxa de reposición xeracional. Sumémoslle ademais o desemprego. E redondeemos conque na actualidade a formación das novas xeracións supera á das antigas, deixando o termo medio da poboación peor formado. O panorama é catastrófico. A máis aínda se se empregan os números para comparar con outras zonas nas que a poboación está medrando de xeito vexetativo. A perda de relevancia da nosa terra aumenta en perspectiva.
Quizáis Ribadeo non o note tanto como Trabada, por poñer un exemplo, pero Galicia é unha das zonas máis sinaladas de toda Europa a este respecto.
A nivel mundial, en troques, o problema é máis ben outro: o exceso de poboación, que fai que se consuman máis e máis recursos, ó que se suma ó aumento do consumo por un desarrollismo que aínda non soubemos remprazar ou a xeración de traballo para absorber unha man de obra que medra. Entre ambos estamos levando ó planeta a unha situación límite de difícil solución sen trauma.
Hai anos, a China viu o problema da sobrepoboación e, como país dictatorial, introduxo a política do 'fillo único', que non impediu que aínda medrara algo máis, pero que fixo que a India esteña xa á súa altura en demografía e facilitou o despegue económico que está vivindo o país. Agora veñen outros 'efectos secundarios', como a desproporción homes-mulleres por efecto do feminicidio infantil ou un rampante problema de coidado á vellez. En Galicia estamos a ter esa mesma política sen unha prohibición expresa como na China e agora, no medio dunha crise económica.
Variación demográfica medrando dun xeito constante ou diminuíndo asemade dun xeito constante. O segundo corresponde de xeito aproximado á taxa actual de Galicia.
Moita taxa de repoboación non é boa para o planeta, aínda que poda selo para unha comunidade concreta considerada illada. Demasiado pouca, tampouco, como pode verse de xeito doado. No medio estaría a virtude, pero polo momento, non é o caso de Galicia. É como un bocata demográfico: as dúas tapas deixan dentro a parte máis substanciosa. E neste caso, as tapas están feitas de mal material: hoxe por hoxe, coa xestión que se está a levar de desenvolvemento e social, ambas representan un suicidio do planeta ou da sociedade correspondente.

Ningún comentario: