20140423

E máis auga

    O día do libro, con actos ó seu arredor, tamén en Ribadeo, a adxudicación das obras da residencia á UTE Anllar, a aprobación inicial do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Conxunto Histórico de Ribadeo (o curioso acrónimo PEPRICH) e as bolsas de chan edificable en Ribadeo ou o coleteo da marabunta nas Catedrais serán hoxe novas tratadas nos xornais. O retorno da choiva coido que non merecerá tal. A auga, a 'outra' auga, a da billa, non o será, pero fará de comentario de fondo en moitas conversas. Hoxe tiña pensado tratar calquera dos outros temas, pero levantarse e ter para o aseo persoal unha auga na que non se confía na súa calidade fíxome cambiar de idea.
    Pouca xente lembra que a recollida da auga de Ribadeo comezouse a facer hai tempo do rego de Vilaselán, desviándoo cara ó 'Pipelo', despois pasouse directamente ás Fontes do lobo, o seu nacemento por tras de Santa Cruz, para a recollida da auga: aínda están alí as casetas ben visibles e usables, casetas que teñen saído xa algunha vez no blog [o tema da auga, dende diferentes puntos de vista, foi tratado en moitas ocasións, como aquí]. Despois fíxose un encoro no río Grande, á altura da desviación para Noceda dende a estrada Reme-Villamar, e realizouse o depósito á beira da estrada segundo se sube a Santa Cruz. E, por último, cóllese auga do Eo, con moito máis caudal que o Grande, á altura de Vilarbetote, súbese a un depósito que se observa alí por riba da estrada que leva a Lugo, e de alí distribúese a Trabada e á Ribadeo, pasando polo depósito que está un pouco embaixo de Santa Cruz a unha altura semellante ó de Vilarbetote, e que se ve sobre a estrada Reme Vilamar ladeira enriba e que é onde se atopa a estación de tratamento. No mapa collido do Sigpac dispoño de xeito aproximado as tomas de auga en círculos en negro e os depósitos noutros máis pequenos en vermello claro. A conexión do depósito de recollida do Eo cos  de Santa Cruz fáise a través dunha traída que segue de preto o trazado da estrada a Lugo e que non está en moi bo estado, como amosan os continuos cortes por rotura, polo que sería necesario substituír (para o que non hai cartos) xa que se se repara de xeito integral nas zonas de rotura, a presión podería facer estalar en zonas algo máis altas e en xeral de más difícil acceso, o que levaría a reparacións máis complicadas e longas, co desabastecemento pertinente.
    Ben, o tempo hoxe non da para máis. A ver se mañá xa está dispoñible auga de mellor aspecto para o consumo.

Ningún comentario: