Focalizando na Semana Santa ribadense, máis aló das procesións, a temperie ou do pobo cheo, con marca de ocupación hostaleira, quedariame en dous fenómenos ben diferentes. Un, a saturación 'alucinante' da praia das Catedrais polas visitas, con colas ata a autovía 'e máis aló'. Outro, a Feira multisectorial de Ribadeo, primeira edición.
Pola súa diferenza, coido que deben ser tratados en días diferentes. Hoxe 'tócalle' ó que creo menor dos dous, á feira.
A feira multisectorial tivo 40 'expositores'. Foi organizada por unha empresa privada en terreos privados fóra do casco urbano e na zona dun centro comercial. Coido que está claro que foi realizada para aproveitar a presenza de público nos días de Semana Santa, e non para atraelo. Máis ben diría para desvialo dende o centro urbano, en detraimento do centro da vila, por moito que non se notara debido a afluenza de xente (a lembrar que por moito desaproveitamento que haxa das visitas ás catedrais, unha parte do fluxo que as visita remata en Ribadeo).
Por outra banda, a dez quilómetros, na Veiga, unha feira ben asentada con dobre número de expositores tiña lugar na fin de semana. En ambos casos o balance foi un éxito segundo os organizadores. No caso de Ribadeo non houbo anuncio -que eu saiba- de posteriores edicións, aínda que se comercialmente resultoulle ben á empresa, é de supoñer que haxa máis edicións.
E Ribadeo, como queda? Pois a pesares de non estar no centro, se a feira fóra capaz de atraer máis xente para Ribadeo, ó mellor a hostalería e o comercio ribadense podería beneficiarse algo. Así, nesta edición, sen capacidade de atracción, como dixen antes, coido que máis ben resta tempo e cartos ó centro por moito que o colapso das Catedrais a máis do tirón xeral de Ribadeo na época tivera cheo Ribadeo de calquera xeito. Algo ó que darlle voltas se se quere aproveitar unha nova actividade para algo máis que en beneficio dos propios promotores.
2 comentarios:
A cuestión é que a Feira se fixo en terreos privados e fóra do centro de Ribadeo porque ao Sr Alcalde de Ribadeo non lle gustou a idea e non permitio que se fixese nos deiferentes lugares propostos pola empresa Ferial ( Aparcadoiro Municipal ou Praza de Abastos)... tampouco accedio a dar alternativa a estes lugares Públicos polo cal se fixo onde se fixo e a pesar de moitos comerciantes locais.
Quizáis fóra entón cousa de reclamar o comentario do alcalde de por que. Non sei tampouco se houbo contraalternativas de lugar prantexadas ou posibilidade de convenio e contraprestacións para realizala nun determinado lugar.
Publicar un comentario