20140424

As Catedrais: unha praia?

Estes días estívose a falar da praia das Catedrais. Boeno, pode que sea bo dicir do Monumento Natural das catedrais. Ou do Cantil das Catedrais... entre outras posibilidades, como o maná das Catedrais.
As discusións levaron como fondo a crítica, liderada polo alcalde, á Xunta de Galicia (aquí, o vídeo correspondente de 2013, e aquí, nunha cadea de tv estatal estes días). E si, a Xunta de Galicia pode ordenar cousas que o alcalde de Ribadeo non pode, nun lugar que alongando as cousas, en liña recta non chega ós setecentos metros, e no que se produciron colas duns tres quilómetros esta Semana Santa.
Pero estamos nun pobo que, co enésimo intento de aprobación do PXOM en Santiago, segue sen definir unhas liñas mestras de desenvolvemento despois de definir o Ribadeo que queremos, máis aló do tácito ir tirando no sentido que marque o momento, e que por non saber, non sabe que son as Catedrais. Quizáis lle pareza a que lea isto que iso non é así, pero volvo ó comezo do artigo: ás Catedrais hai que vela como praia, como monumento natural, como lugar a explotar económicamente ou como que? É posible que se pretenda conxugar en diferente grao diversos elementos na definición, pero tamén nese caso terían diferente importancia. Agora, a última nova é que se cobrará por mexar. Imaxino que non se cobra por baixar por cuestión de competencias. Pero postos a cobrar, estimo que habería que comezar por cobrar o aparcamento antes de facelo por unha necesidade humana. E ben, o cobro por mexo din que vai redundar na conservación da praia. Hai algunha medida deseñada? Para que fin concreto, con que obxectivo? Está ese obxectivo consensuado?
E, o plan pedido para que, despois da visita 'ó segundo lugar máis visitado de Galicia despois da Catedral de Santiago', a xente deixe os cartos en Ribadeo? Hai algo diso?
As Catedrais esá nunha área LIC. Está prevista algunha integración da conservación conxunta?
Lévase moito tempo dicindo que é un perigo, a máis dos destrozos que ocasiona, que a xente ande facendo a cabra polos rochedos. O caso é que o vídeo do alcalde amosa que segue a ser así, mesmo nas 'barbas' da autoridade. É dicir, non se pode ir nunha soa dirección, senón que hai que tentar chegar a onde se pode co que hai. E algunha das cousas que se poden facer é unha definición de que consideramos ese espazo para pasar a unha ordenación do mesmo, ou sinxelamente aplicar a normativa da que xa se dotou  para a súa protección.
En fin, o tema continuará, e como algo que pode soportar o paso diario dunha cantidade de xente equivalente á poboación do concello, e que aínda está sen definir nin ter obxectivos claros e consensuados para o seu futuro, non vai ser doado. Por certo, hai algunha previsión/estimación de cánto pode tardar en caer o último arco?
Algunha foto xa vella, do 2009, que lembra que o tema non é novo. Por certo, cousa dun ano despois das fotos, a zona foi visitada por xente da UE despois dunha petición do alcalde:

Ningún comentario: