Hai cousa de vinte anos, o que despois se chamou IES Porta da Auga en Ribadeo votou a favor da xornada única. Naquel momento, apoiei con ilusión o que pensei que ía traer máis liberdade ós alumnos e a posbilidade de enriquecerse coas actividades extraescolares do centro, naquel momento numerosas, aínda que coa dificultade que representan os desprazamentos dos escolares da zona rural. Poucos anos despois, as actividades baixaron e quedei algo confuso pola experiencia. Coido que fixen o correcto, pero a cousa non saiu como esperaba. Para min, quedou claro que a xornada contínua é unha oportunidade, pero tamén representa un arma de dobre filo que hai que saber xestionar moi ben.
Onte votouse e coñeceuse o resultado da votación sobre a implantación da xornada escolar no Colexio Público Gregorio Sanz de Ribadeo: non haberá tal, seguirá con xornada partida. 342 familias, 245 votos, isto é, o 71,6%. 130 a favor, 114 en contra, 1 voto nulo:
Ó parecer, necesitábase o 58% das familias para levarse a cabo. Quedou co 38%, o 53% dos emitidos. Pode quedar nun resultado dunha votación secundaria que afecta a unhas poucas familias (pouco máis da décima parte das familias ribadenses, se contamos núcleos familiares de dúas xeracións) ou tomarse como indicativo dunhas ideas e oportunidades. A valoración, certamente, é diferente. Pasa de ser algo sen importancia ningunha fóra dun estrito círculo a un complexo máis relevante para identificar a estrutura social ribadense que unhas votacións políticas, e que mesmo toca ás posibilidades económicas para o desenvolvemento dalgún tipo de negocios. Estase a tratar de xestión do tempo das familias, segundo como ven elas a posibilidade desa xestión. Algo que identifica á propia sociedade, máis aló do efecto que poida ter para o ensino, para o rendemento educativo das xeracións actuais e proximas nun depterminado centro educativo.
E, imos ver, votaría moita xente pensando no interese xeral ou no rendemento educativo dos seus vástagos e non na súa propia situación particular de conveniencia para a xestión do tempo, en particular dos adultos? Tamén deste xeito a variación de interpretación está servida.
Ningún comentario:
Publicar un comentario