Agora resulta, a días das europeas, que un 'partido minoritario', deses que segundo Mariano Rajoy, votarlles é perder o voto, vence nas eleccións municipais gregas, despois de converterse no segundo partido no parlamento e ser creado hai pouquiños anos. Isto, pola esquerda. Pola dereita, rematan as municipais francesas cun ascenso que deixa á ultradereita nunha posición cómoda nos primeiros lugares, despois de moitos anos como ampliamente minoritaria e un espertar de hai poucos anos.
Hai abondos máis casos, quizáis non tan relevantes de xeito recente, pero indicativos. E, nesta situación, é normal lembrar que Hitler subiu ó poder co 33% dos votos emitidos, como un aviso do que pode pasar como algo 'desagradable'. Non contan as crónicas de outras situacións 'desagradables' por voto semellante á esquerda, aínda que seguro que as hai, repetibles asemade. Pero tampouco fan fincapé en que a situacións extremas (políticas) chégase forzados pola mesma política, como o abandono do poder do pobo ou o secuestro do poder por algunha minoría. Tampouco se di que nas épocas de incertidume córrense grandes perigos , fáise fronte a grandes desafíos, pero tamén se constrúen os grandes éxitos. E silénciase. Siléncianse ou tentan desprestixiarse casos como o tratamento da débeda por Islandia ou a transformación pacífica do Uruguai; casos que pretenden avanzar cara á igualdade son atacados de xeito internacional non tanto por nacións como por intereses económicos e as relacións políticas coas que manteñen lazos...
E nós, a días das europeas, contemplando este panorama ó tempo que captando o ridículo dos grandes partidos facendo colar gato xa non por lebre, senón por lagarto, ou aniquilamento propio por estratexia de gran política.
Só para pensar un pouco máis...
Ningún comentario:
Publicar un comentario