Luns despois do 1º de maio, á vista das europeas, co comezo de campaña, fútbol! O tratado transatlántico sobre libre comercio que pode afogar ás empresas europeas, que bota a soga ó pescozo dos estados e que ningunea á poboación, iso non debe ser Europa, nin ter que ver cos traballadores, nin por suposto, ter ningunha relación co fútbol; de feito, nin se fala del. Outras cousas menores, como que Urdangarín facture á Generalitat polo coidado dos seus propios fillos, que becarios se queden sen residencia nunha perda de becas encoberta, que se axudara a crear un monstro en Ucraína e agora non se saiba como paralo, que a atención de facenda teña orde de abreviar, etc, iso xa non paga a pena nin mentalo, por moito que podan saír nalgún titular...
O Lugo e o Deportivo empataron! Andá, se xogaban na mesma división!
Por certo, din por aí que as europeas non van rematar co bipartidismo. Coido que, de xeito independente ós resultados o día 25, a) os dous partidos maiores seguirán a beneficiarse dunha posición ventaxosa que teñen lexislado, e b) seguirán afondando na desconfianza que xeran non acadando entre ambos nin de lonxe a metade dos votos posibles, aínda despois da engranaxe electoral con todo tipo de ingredientes, de prensa a axudas interesadas. Apostamos?
Unha cousa máis. O Mércores, no debate sobre a idea de Europa na casa das Letras organizada pola Paco Lanza, con case trinta persoas presentes (teño entendido que coincidía con algo de fútbol), os representantes dos partidos grandes andaban ó seu, sendo os dos pequenos os que destilaban algo máis a idea que tiñan sobre Europa. Os outros parece que se quedaran no 'rapto de Europa' (literalmente) para os seus intereses.
Está a saír o Sol nun día que ameaza con ser espléndido climatolóxicamente... e ó final non falei do 1º de maio. Alguén falou?
Ningún comentario:
Publicar un comentario