20140619

Día bonito con anticipo

De novo na tempada actual, clarexou un día bonito. Estamos tendo en Ribadeo un xuño ente neboado e radiante. E en toda Galicia, a tempada de praia comezou xa hai tempo.
O sorriso co albiscar tempo despexado continúa nas novas: A Xunta 'autoriza a adiantar' a contratación de socorristas. Ben, se se le o corpo da nova resulta algo diferente e (quizáis) un pouco máis lóxico. Recapitulando:
-O prazo de petición de axudas ós concellos para socorristas remata a fin de mes
-A Xunta resolveu onte as peticións presentadas
Eses dous puntos son os básicos, e sobre os que caben preguntas como o por que ata fin de mes cando aí están os datos meteorolóxicos que teño posto ou sinxelamente a astronomía indicando que o Sol está máis alto do ceo o 21 de xuño (se ben é certo que as temperaturas de fin de xuño son equivalentes ás de comezos de setembro). Ou por que, se se pode resolver a axuda antes do fin de prazo, non se teñen resolto antes coa temperie que estamos a ter este ano.
Hai máis:
-Quedan fóra do adianto Viveiro e Ribadeo
Parece lóxico que Viveiro quede fóra (non solicitou axuda, ó que parece), e algo menos que quede Ribadeo, ó que se acusa de non ter xustificado o pasado ano. Viveiro tampouco o ten, e parece que sexa casualidade que os dous sexan bastións de partidos na oposición no Hórreo, e que xa saibamos de que van os enfrontamentos políticos derivados en negativas administrativas (en Ribadeo temos nestes momentos o tema do retraso dos cartos comprometidos oralmente pola xunta para a Residencia de maiores porque, segundo a Xunta, o Concello non envía/reenvía/rereenvía papeis, datos, precisións ou o que sexa, que para algo a Xunta é a que pide).
Ben, o caso é que se se comunica isto ós concellos hoxe, 19 de xuño, e os concellos teñen que facer a selección e demáis (non poden facela sen saber cantos socorristas van poder ter), parece que a cousa chegará como pronto, xustiña para xullo. Alguén sabe por que non resolver antes? Chegará Ribadeo a ter vixiantes antes de xullo ou/e teremos o xa típico enfrontamento interadministrativo?
Por certo, isto vai ir con etiqueta de 'política', pois, aínda que sexa unha mala política, diso se trata. Segundo o dicionario da Real Academia Galega: "Teoría, arte ou doutrina referente ao goberno dunha comunidade"; "Conxunto de asuntos públicos dun estado"; "Maneira de dirixir unha comunidade, de levar os asuntos públicos"

Ningún comentario: