20140624

Non poño foto: sería propaganda

Hai poucas datas, comentei que apareceran uns escritos alusivos e ameazantes ó PP (cun tiro na nuca) e á igrexa (a igrexa que mellor aluma é a que arde) en muros de Ribadeo (unha valla e a parede dunha igrexa, ambas céntricas) A raíz diso, estableceuse unha polémica porque o concello non as retiraba (as cubría), defendendo primeiro o alcalde que non, que tiñan que retiralas os propietarios dos muros e que en caso de facelo o concello, crearíase un precedente, e logo, variando a súa idea e cubríndoas.
Ben, pois xa pode continuar. Nunha rúa peonil totalmente comercial e céntrica, na única finca sen construír, recentemente pintada para borrar unha das pintadas comentadas, aparece de novo un letreiro: matar fachas non é xenocidio. O certo é que nestes momentos xa non me lembro se o pon en galego ou en castelán (os dous citados antes eran en castelán), detalle sen importancia no fondo, pero que podería dar algunha pista sobre a orixe da pintada.
O caso é que a pintada foi da fin de semana, e a brigada municipal xa pode actuar. Coido que terá traballo. E, posto o primeiro traballo en marcha, xa haberá que preguntarse ata onde abranguerá a acción municipal: seguro que hai moita xente interesada en que lle limpen pintadas nas súas propiedades.
Sei que non é algo de solución inmediata, e que unha pintada ameazante non debera existir. Que é algo denunciable (espero que se teña denunciado nos dous casos), pero non doado de procurar o autor. Pero agora, unha volta establecido o xogo, trátase diso, de xogar ó rato e o gato, co que considero que foi peor o remedio que a enfermidade: máis pintadas mentras non haxa captura, que debera producirse pero que non está asegurada.
Outras solucións? A parte de coller a quen as fixo e facerllo pagar (literalmente, a restauración tanto como como o resultado xudicial das ameazas), no caso do escrito na igrexa, ténseme pasado aumentarlle coa mesma letra 'na fe': 'a igrexa que mellor ilumina é a que arde na fe', pero non coido que o resultado fora o adecuado...

Ningún comentario: