20140617

Ven en tren ás catedrais!

O alcalde de Ribadeo desempolvou unha cuestión que leva tempo, moito tempo, con teas de araña: a variación lixeira da liña de FeVe para viaxeiros.
Que eu saiba, a última variación rematada na liña Ferrol-Xixón foi de abondo máis calado, a que se fixo para a planta de Alúmina-Aluminio. É dicir, aproveitamento industrial. E diso xa fai anos. Tamén o é a próxima está previsto que sexa para aproveitamento industrial: a desviación para ENCe en Navia.
A cousa é que a liña de FeVe ten, como lembrou na súa charla hai pouco Victor Moro, unha orixe 'estratéxica', para defensa da zona ante unha posible invasión, facilitando o movemento de tropas. Iso fixo que os pobos puideran quedar apartados das estacións, mermando a súa consideración para o transporte de viaxeiros unha volta que se desenvolveron as estradas.
Cabería discutir se, coa actual frecuencia de liñas de autobús, non é xa competitivo. Diría que si, pero o cordón umbilical que une a moita xente ó coche particular, por unha beira, e a restrición de viaxes por parte de FeVe, compañía deficitaria que así pretende ter menos gastos e de paso, ofrece menos posibilidades de uso dese medio de transporte, e polo tanto, o seu abandono paulatino, fan que na actualidade o uso da liña sexa menor do que noutras circunstancias lle correspondería.
Nestas, ben a proposta do alcalde de Ribadeo de crear un apeadeiro nas catedrais. Pouca inversión parece necesitar, e tamén pouca variación da infraestrutura ou esquema horario, e aumentaría o tráfico de viaxeiros, faría de Ribadeo base de desprazamentos (co que aumentaría a disposición turística da vila), faría máis visible a Rinlo...
Coido que se poderían derivar abondas avantaxes. É algo factible e non se me ocorren contraindicacións. A ti si?

2 comentarios:

Anónimo dixo...

A min sí se me ocorre un comentario. Non entendo que, protestando como protesta o alcalde pola masiva afluencia de público a esa playa e sen infraestructuras para acollela, se lle ocorre agora estimular a afluencia de mais xente. ¿Non parece unha contradición?

agremon dixo...

Eu coido que non o é, porque iso non vai incrementar unha cantidade significativa, senón máis ben facilitar o acceso á que xa pretenda ir. Como se ve, é unha visión particular sen un estudo previo pola miña parte (coido que pola do alcalde tampouco o é nese sentido)