20140719

O galego morreu. Descanse en paz?

Resoa a chuvia alén das fiestras, apagados polo momento esta mañá de sábado os ecos do festival de jazz ou do Carme, ou doutras actividades que se prodigan máis ben cara á tardiña neste Ribadeo de verán. Momento propio para pequenas reflexións que poden enquistarse. E lembro unha verbas ditas por Raquel Arias con satisfacción, a modo de 'estamos nelo e estamos a facelo ben', no acto inaugural da feira do libro de Ribadeo: o libro en galego foi o 40% do publicado en Galicia o ano pasado.
Que significa? Pois dada a preeminencia de editoriais catalanas e madrileñas dentro do estado español, cunha cota entre ambas comunidades ben superior ó 50%, que os libros mercados en Galicia en lingua galega non chegan nin á cuarta parte do total. Súmalle que só hai unha publicación periódica xeralista en galego e podes deducir de xeito doado que o galego é xa moi minoritario na escrita en Galicia. Na lingua oral da unha idea do estado o que boa parte da xente galega galegofalante se dirixa ós descoñecidos en castelán.
É dicir, que sen un apoio activo a pendente baixista só pode aumentar. E se son os mesmos representantes que poderían artellar ese apoio quenes se manifestan satisfeitos por unha cota do 40% de edición, alea jacta est.
Apúntaste ó apoio activo de boa parte de ti?

Ningún comentario: