"
Ola
a todos. Escríbovos esta reflexión persoal co obxecto de animarvos a
asistir ao nacemento da Plataforma Cidadá cara ás eleccións municipais
de Ribadeo.
O vindeiro ano cúmprense catro anos do nacemento do 15M, un movemento
que acadou a simpatía do 70% da poboación segundo as enquisas, ou sexa
dunha maioría superior aos 2/3, que de ocupar as institucións podería
mudar a
Constitución por si mesma para poñela ao servizo da cidadanía.
Os
consensos do 15M sobre transparencia, participación, loita contra a
corrupción ou pola defensa dos servizos públicos e dos dereitos cidadáns
foron doados de acadar. Porén, o debate nas asembleas foi continuo
sobre se procedía ou non entrar na loita política polas institucións.
Desde
entón, algúns de nós demos o paso de non votar a comezar a votar, de
non interesarnos pola política a presentarnos nunhas eleccións con
partidos de esquerda transformadora coaligados en AGE acadando bos
resultados. Nas pasadas europeas, unha segunda onda de indignación levou
a Podemos ao Parlamento Europeo cuns bos resultados en todo o Estado.
Uns e outros levaron a voz da indignación ás institucións, pero están
lonxe de acadar o poder nelas.
As
vindeiras eleccións municipais constitúen unha nova oportunidade, e ao
noso sentir, cumpre seguir afondando no achegamento da fórmula de
representación á cidadanía. O pasado luns un grupo de veciños (xente do
común, algúns do Sindicato Labrego, outros do Tesón, de Amarante, da
Plataforma pola Defensa da Ría, de Podemos Ribadeo, de Espazo
Ecosocialista, de ANOVA, e outros de nada) decidimos apoiar o nacemento
dunha Agrupación de Electores cara a obter o Concello de Ribadeo para
que sexa xestionado directamente polos veciños. Será o martes 2 de
setembro ás 20:30 no Cantón Bar.
(Sen
que teña isto unha relevancia grande, dicir que esta opción é apoiada
tanto polos grupos políticos que conforman AGE como pola dirección de
Podemos, polo que de ir adiante a Plataforma, probablemente estas
formacións non presentarán candidatura ás municipais no Concello de
Ribadeo.)
Pensamos que a necesidade da
transformación dos modos de gobernar Ribadeo é evidente:
-
Hai que rachar co clientelismo: non pode ser que a cidadanía siga a
pedir favores ao alcalde a cambio do voto. As decisións sobre o que se
fai -quen recibe axudas, que pistas se amañan ou rozan, etc.- deben ser
tomadas polos veciños de xeito transparente e empregando criterios
claros e acordados por eles, e non depender da amizade que teñan co
concelleiro de quenda.
-
Hai que eliminar os niños da corrupción: a corrupción beneficia a quen
decide e a quen suborna, a costa do interese de todos os veciños. Para
loitar contra ela a transparencia é a única ferramenta. Só se son os
mesmos veciños que gobernan Ribadeo se poñerán as medidas precisas para
que non queden espazos escuros para á arbitrariedade. Recentes novas
teñen demostrada a incapacidade ou falla de vontade do goberno actual
para acabar con estas prácticas.
-
Hai que dar protagonismo ás asociacións veciñais: A estratexia de
comunicación do goberno diríxese aos medios (onde pode facer propaganda)
e aos veciños individuais (onde pode aparecer o clientelismo). Cómpre
un goberno que basee a comunicación no debate público, aberto e
transparente, especialmente coas asociacións, que deberan ser o seu
interlocutor principal no deseño das políticas e das propostas.
- Cómpre poñer en marcha a participación cidadá: Fai catro lexislaturas que os grupos
políticos locais aprobaron por
unanimidade a Carta de Aalborg da Axenda XXI Local, que promove a
participación cidadá cara a un desenvolvemento sustentable dos
concellos. Nada se fixo ao respecto, e nada podemos esperar xa destes
representantes.
-
Ribadeo precisa un proxecto de futuro: É rechamante a ausencia de
proxecto -participado ou non- para Ribadeo das agrupacións políticas
locais. Correr para saír na foto e poñerse na primeira liña da
manifestación, como no caso da Residencia, non é propoñer nin liderar.
Temos moitas propostas -10.000 persoas pensan máis ca 7- e xuntos
podemos levalas adiante. Cómpre poñer a traballar os 8 millóns de euros
anuais do orzamento municipal a prol da veciñanza ribadense.
Se
pensas -coma nós, ou diferente!-, e queres participar, achégate este
martes día 2 ás 20:30 ao Cantón Bar, onde celebraremos a xuntanza de
lanzamento da Plataforma Cidadá. Todo está por decidir, e todos somos
necesarios. Coméntao tamén cos teus achegados e difunde esta iniciativa
veciñal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario