20140802

Resume da xuntanza alcalde-representantes da mesa de asociacións 20140801


Nota de prensa
Xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións coa alcaldía
Ribadeo, 20140801

A última hora do venres 1º de agosto tivo lugar no despacho da alcaldía de Ribadeo a xuntanza de representantes da Mesa de Asociacións co alcalde, acompañado do concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro.
A xuntanza, que durou preto de dúas horas, fora preparada por seis das asociacións participantes o pasado sábado, acordando presentar a serie de temas que foron tratados.
O ambiente foi tranquilo, de confianza e colaboración, sempre tendo en conta que é no día a día no que se poden amañar as cousas, sendo o intercambio de ideas e pareceres o xerme para ese traballo diario, para o que non soe haber solucións milagreiras.
O primeiro tema tratado foi o regulamento de participación cidadá, posto enriba da mesa polas asociacións hai máis de media década e do que houbo un proxecto que tivo aprobación inicial do pleno, pero non chegou á aprobación definitiva polas alegacións presentadas. De novo brindouse o apoio asociativo para facer un documento que se considera moi importante para a calidade democrática dun concello, pasando dunha relación fluída que depende das circunstancias a algo cunha base normativa. Nese sentido, o alcalde apuntou que o tema podería tratarse de novo no próximo pleno ordinario, se ben sen ser un compromiso. Si apuntou que daríase difusión ás convocatorias dos plenos na procura de que os veciños teñan un mínimo de información sobre a xestión dos asuntos do concello que neles se trata. Asemade, e mentres non hai novidades no regulamento, ó final da xuntanza quedouse en que o primeiro fin de semana de setembro teríase outra para tratar os temas que daquela se estimen.
Pasouse logo a outro conxunto de temas relacionado coa construción, dende a terraza con baseamento de formigón no xardín ata o tratamento das licenzas de obra, pasando pola construción da residencia, cos problemas cos acuíferos e depósito de materiais en Sta. Cruz. Sendo temas ben diferentes, e polo tanto, con solucións diferentes, pediuse en conxunto unha maior atención, e dalgún xeito, coordinación entre alcaldía, gabinete técnico e policía local. O conxunto foi rematado lembrando que varios colectivos teñen presentado alegacións contra o PEPRICH. Respecto a este último, o alcalde indicou que ó rematar o prazo de alegacións particulares pasarían a un estudo das mesmas, indicando os representantes societarios que quizais fora boa idea comezar de novo e facer as cousas ben dende o inicio, dado os múltiples erros que se estiman.
O verquido producido no CAVI e as súas consecuencias foi tratado, tendo en conta que o centro de alimentación de vacuno irmandiños (CAVI) está en Barreiros, non en Ribadeo, pero as augas verquen cara ó encoro de Lexoso, que contribúe á rede pública ribadense. Apúntase que xa hai varios anos que foron denunciados verquidos, e que en datas parellas ás últimas denuncias, apareceron peixes mortos no pequeno encoro que hai no río grande en Cedofeita, o que se ben non parece ter relación con dito verquido, tampouco é a primeira vez que ocorre. Tamén foi tratado un problema menor de medio ambiente, o cheiro dos contedores en particular nalgúns lugares das parroquias.
Denunciouse que a estrada da Deputación á entrada de Ribadeo necesita un bo repaso, xunto coa nivelación de arquetas na mesma á beira do Colexio Público.
Sendo os anteriores os temas tratados na xuntanza previa da Mesa de Asociacións, abordáronse outros, como o estado do tema dos xulgados, tanto de Mondoñedo como da hipotética volta a Ribadeo, en relación coa aparición do alcalde na prensa hai non moito tempo, o estado da rede de abastecemento de auga, necesitada dunha renovación integral, ou da relación entre Ribadeo e a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.