Mar por medio era o título xenérico das xornadas que durante abondos anos foron celebrándose en Ribadeo relacionadas coa cultura británica e a galega. Uso hoxe dese título para referir algunha cousa de como vexo o que posiblemente sexa a nova máis tratada hoxe polos medios, o referendo escocés.
En primeiro lugar, unha obviedade: unha parte non desprezable do que entendemos por inglés é británico, en particular, pode ser escocés. Poucas veces se fala por estes lares de 'Reino Unido', pois tomando a parte polo todo, substitúese por 'Inglaterra'. E aquí, un elemento que entendo diferenciador do que ocorre alén do mar nesa isla grande en relación ó que ocorre polas Españas. O Reino Unido está constituído por catro partes (Inglaterra, Escocia, Gales e Irlanda do Norte) que serían en teoría iguais, aínda que na práctica, debido á extensión, poboación e desenvolvemento, Inglaterra leve a parte do león nesa 'igualdade'. As Españas hai tempo que deixaron de ser tal para ser España dende un punto de vista institucional, aínda que a constitución actual e ás 'vías' que se fixeron de desenvolvemento crearan un pqueno (ou gran) galimatías dentro da 'unidade' e unha vez desaparecida a 'igualdade' en consecuencia da unidade.
A raíz do anterior, levo observando nos medios unha confusión case total entre 'nazón', 'país' e 'estado', algo que se xunta coa confusión que apuntei antes entre a constitución institucional española e do Reino Unido.
O proceso que levou ó referendo coido que é nidiamente diferente do correspondente que están a levar a Generalitat e o Goberno estatal, e non só polas diferenzas institucionais de partida, senón máis ben polo tono e encadre na propia gobernabilidade de cada estado. Moito se podería dicir de particularidades dese tipo, pero quede aí a cousa.
Unha diferenza básica do caso escocés co que se pretende en Cataluña é que a pregunta é clara cunha resposta clara: "Should Scotland be an independent country? – voters can answer only Yes or No" (Debe Escocia ser un país independente? -os votantes poden só responder Si ou Non)
A propia pregunta nos leva a outro tipo de consideracións. Por exemplo, en relación á pertenza á UE dunha hipotética Escocia independente. Moito se leva dito e escrito, por xente especialista coas súas ideas. E hai algo que non entendo. Se no Reino Unido son un conxunto de iguais e racha o conxunto, coido que cada parte resultante debera ter os mesmos dereitos (de feito, por exemplo, en caso de separación, Escocia cargará cunha parte da débeda do Reino Unido). É certo que o 'peso' de Escocia é cousa de 1/10 do conxunto, co que o que terá que 'refacer' no seu caso o conxunto Inglaterra-Gales-Irlanda do Norte, que se quedaría co nome de Reino Unido, aínda que sen Escocia, será un orde de magnitude menor en relación que terá que facer Escocia, pero contratualmente, os 'contratos' (tratados e demais) entendo que deberan afectar por igual a ambos, incluída a súa pertenza á Unión Europea. Non vou insistir, porque non son especialista, pero coido que o debate neste punto particular está trufado completamente de intereses diversos, por riba da legalidade escrita que será reinterpretada polos poderes correspondentes a traverso deses intereses.
Noutro tema relacionado, resulta que se destaca na prensa o argumento económico como clave no sentir de Escocia e a súa independencia. Evidentemente, a economía é importante, comezando polos pozos petroleiros do Mar do Norte, pero por moito que se empeñen, hai tempo que se sabe que a idea dun futuro común nunha sociedade humana ten máis de construción social que de pura economía. E esa posibilidade de construción, voltando a España hoxe, ten moito que ver coa percepción de corrupción ou cos agravios comparativos xurdidos dun combate múltiple de ampliacións de poderes locais, aínda que teña que ver tamén coa crise económica (logo abondo alonxado do caso escocés, aínda que tamén poda haber agravios). Así, como no caso da irrupción de novos partidos no panorama político, sería un erro botarlle o fundamento desa falta de visión dun futuro común á crise económica. Algo que coido que foi entendido abondo mellor polos gobernantes no caso escocés que aquí.
En fin, hai xa tempo que a cada cousiña que aparece nas relacións internas entre zonas de países europeos lle corresponde un traslado (negación, asentemento de igualdade ou sinxelamente, opinión) en relación ás Españas, sexa o tema de Flandes, Conca do Don, Lombardía-Véneto ou agora, Escocia. Pero... alguén cre que este pequeno artigo pode resumir todas as arestas e flancos que ten a 'cuestión escocesa'? Non, verdade? Pois do mesmo xeito sinto que o resultado desa 'traslación' machacona é en xeral un aumento da confusión dentro das Españas, por comparación de elementos que pouco teñen que ver nun e outro caso.
Por certo, para ir rematando, unha explicación: uso 'Españas', forma que se usou no seu tempo indicando algo equivalente ás diferentes partes constituíntes do reino, para indicar a miña crenza en que mentras que non se recoñezan esas diferentes partes como constituíntes do estado dun xeito adecuado -adecuado, non 'máis' recoñecemento ou 'menos'-, estaremos partindo dunha situación que non reflectirá a realidade e polo tanto, será difícil que os poderes implicados actúen respondendo de xeito asemade adecuado.
E agora si, para finalizar, chámame a atención que, calquera que sexa o resultado no referendo escocés, os partidarios do si xa ganaron, a traverso das promesas realizadas para frear o ascenso dese 'si' que precisamente queren vencer os partidarios do 'non'...
Ningún comentario:
Publicar un comentario