20140917

Intereses reais

É sabido que onte unha persoa moi importante chamada Felipe inaugurou o curso nun Colexio Público de Pereiro de Aguiar. Escoite polas radios varias veces unha parte do seu discurso, en castelán, dicindo algo así como que o sistema educativo tiña que centrarse en responder ás peticións da economía e da sociedade. Por esa orde.
Claro que non escoitei o seu discurso completo (para compensar, tamén oín varias veces ó director do centro alternando verbas en galego cun discurso pretendido en castelán) o que fai que teña que coller, de xeito obrigado, a cita illada do conxunto.
Tendo en conta o aviso previo, coido que inaugurar o curso nun colexio de primaria que o comezou efectivamente a semana pasada resulta ou desfasado ou desprovisto de tempos correctos ou intencionadamente un perxuízo de cara a como se fan as cousas no ensino público. Ou é que non merecía o ensino público (e o ensino en xeral) inaugurar o novo curso ó seu comezo? Parece que Felipe sexa dos que din que os primeiros días de clase non se fai nada...
En castelán. Enteiro (diso estou seguro, de que se houbo verbas en galego foron de puro trámite, senón remarcaríano) o que me fai preguntar se en Cataluña fai o mesmo (resposta: non)
E logo, como frase destacada, pon a educación pública ó servizo da economía (primeiro) e logo, da sociedade (quen interpreta o que 'pide a sociedade'?) Vamos, as persoas, ó servizo da economía e non a economía ó servizo das persoas. Toda unha lección.

Ningún comentario: