20140926

Medio pleno medio vacío en Ribadeo

Onte, 20140925, houbo pleno en Ribadeo. Os concelleiros, salvo un pequeno atraso avisado de Manel Yañez, ó pleno. Nos bancos de visitas, nalgún momento chegou a haber ata sete persoas. O balance coido que está claro.
Deixo embaixo a convocatoria tal como aparecía no taboeiro de anuncios do concello (imaxe ampliable)

O pleno comezou cuns minutos de retraso. Como normalmente, a aprobación da acta anterior nin necesitou votación, pasándose ó PXOM.
O PXOM necesitou pouco tempo para a súa aprobación, cos votos discrepantes de Lalo Gutiérrez e Campo Braña, que expuxeron brevemente algunha consideración. En particular, despois de varios anos de discusión, Campo Braña fixo fincapé para a súa abstención que era un plan do goberno municipal, e polo tanto actuaba en consecuencia. Lalo Gutiérrez fixo referencia ás idas e voltas da Xunta, a máis dos propios detalles do PXOM. Así pois, sen grandes incidencias, co voto de novo partido no PP, o PXOM será enviado de novo a Santiago no medio do obscurantismo preceptivo legal do proceso. De calquera xeito, e a raíz dalgún comentario de prensa, os algo máis de 12 000 habitantes de Ribadeo previsto para dentro de dez anos parece que non van ser tal, sacados dunhas estatísticas que chegan xusto ata o comezo da crise e polo tanto non consideran a ralentización e logo baixada de poboación dende aquel momento, a máis da crise demográfica na que están tanto Galicia como Asturias, principias fontes de habitantes que evitaban a caída do censo ribadense. É só unha referencia sobre como está feito o PXOM.
O segundo punto, sobre a produtividade, foi aprobado tamén con abstencións, citándose algún razoamento semellante ó que adiantei o fin de semana no blog. A oposición non comprende moi ben que o 65% do complemento sexa igual para todos, así como a falta de criterios obxectivos para o outro 35%, para o que o alcalde poderá (ou non) pedir informe ó xefe correspondente. A resposta foi no sentido de que fora pactado cos sindicatos e que antes non había nada, polo que poñía pegas intervención, e que o próximo ano pode cambiarse.
O terceiro punto pasou sen pena ni gloria, e chegamos ó cuarto punto sobre o convenio con ACISA. A tres anos vista, con aumento de 1 000 €/ano a pagar polo Concello á Asociación de comerciantes, foi o punto que recibiu máis críticas (mentres estiven). Dende a súa duración, abondo máis aló das próximas eleccións, ata a creación dun consello de seguemento, pasando pola presunta implicación do concello como entidade pública na dirección a seguir nunha entidade privada, foron pegas que lle puxeron e que se trufaron con algunha outra cuestión allea, como a posibilidade de que o concello merque máis cousas en Ribadeo das que está a mercar, o que impulsaría máis o comercio ribadense. As pegas foron respondidas recalcando que non era o primeiro convenio con ACISA, e que o que se facía era mellorar o que xa había.
Foi neste punto onde tivo lugar unha anécdota pequena pero da que coido debe quedar constancia. Na intervención do representante de UPRi, e en relación coa duración do convenio, fixo unha pequena digresión apuntando que no próximo período de sesións podería haber un alcalde de UPRi, xa que había un movemento asembleario que estaba a tomar forza para facer algo que xa había, encarnado por UPRi. Ben, coido que é unha falta de información, pero non deixa de ser unha curiosidade expresiva dunha certa mentalidade.
Para rematar por hoxe, deixo para quen teña paciencia e boa orella un audio da parte do pleno na que estiven (cousa de unha hora tres minutos), se ben con mala calidade que se suma á malas condicións acústicas do salón de plenos, e mesmo ás veces á contraproducente megafonía.

--
Posterior:
a nota do concello sobre o pleno: http://ribadeo.gal/actualidade/nova.php?id=1626&lg=gal
a reseña na Voz: http://www.lavozdegalicia.es/noticia/amarina/2014/09/27/dato-titular-2-3complemento-productividadonce-trece-concejales-ribadeo-favor-nuevo-pxom/0003_201409X27C8996.htm

Ningún comentario: