Polo xornal enterámonos de que vai haber pleno a próxima semana. Cando en concreto, xa é outra cousa. Non sei se a versión papel o trae ou non, que na dixital só vexo 'a próxima semana', que, se é certo e xuntado a outras informacións anteriores, indicaría cara a finais da semana. Naturalmente, na web de concello non aparece nada, que xa está posta a revisión do censo para as eleccións, anuncios de contratación e novas sobre cousas positivas do concello, e chega, que para algo é unha ferramenta para o concello e non para os cidadáns.
Sobre os temas a tratar, algo trae tamén o xornal, con dous 'estrela'. Un deles, o PXOM. Vaise dar a aprobación para envialo de novo a Santiago despois das modificacións que pediron dende a capital do reino. O Plan segue a ser segredo. Os veciños, por lei, estamos excluídos dese segredo do que desfrutaremos ou sofreremos as consecuencias. Entendo que iso supón, por lei, a existencia dunha información privilexiada.
Outra cousa que se tratará será o complemento de produtividade para o persoal do concello. Está resumido na web da Voz con poucos datos: 127 000 €, criterios que acadan a tódolos traballadores, 65% adicado a premiar que se vaia a traballar e non se sofran sancións, e 35% por efectivo rendemento do traballador. Supoño que alguén mo explicará, porque como noutros casos, non sei ben como medirán a efectividade dun traballador illado, ó tempo que, se é un complemento de produtividade, non entendo tampouco como se premia (en troques de sancionar en caso contrario a partir dunha cantidade en nómina de xeito directo) o non ser sancionado ou o ir traballar. Claro que non me estrana o non entendelo; tampouco a base da estrutura da miña nómina me resulta moi clara.
Nota posterior: remato de recibir unha información sobre que o pleno será xoves ás 20:00. Supoño que estamos todos invitados e seremos ben recibidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario