20141006

Mercado en Ribadeo

Dende hai varios anos o mercado Ribadeo está no tapete. Superficie ocupada, cotas a pagar, e agora, limpeza.
A superficie foi a primeira das polémicas, ligada á das cotas asociadas para dispoñer dela. Dunha medida linear, mal feita e incumprida, pasouse a outra medida baseada nos metros cadrados ocupados, delimitando con marcas no chan un espazo. Coido que representou unha diminución de superficie indicada para cada posto, e tamén unha distribución algo máis adecuada. Xunto con iso, a variación do pago de cotas, asociando superficie realmente ocupada e a cantidade a pagar, representou un enfrontamento de vendedores e concello, polo aumento das cantidades a pagar. Foi asemade a época na que Castropol instaurou o mercado, o mesmo que Barreiros, a máis da mella da crise. Houbo plantes de vendedores, requerimento de pago de cotas anteriores... Pouco a pouco as augas voltaron ó seu leito, se ben as relacións vendedores concello variaron lóxicamente e as regras establecidas foron cumpríndose máis.
Agora, algo que tamén estaba posto nas regras, pretende cumprirse despois de ter recibido queixas: a limpeza do mercado polos propios vendedores. Quizais o anterior non estea ben expresado: a limpeza da superficie do propio posto despois de desmontar. A brigada de limpeza pasará, pero debe atoparse a zona de tal xeito que sexa só un repaso. De novo queixas por parte dos mercaderes pola obriga de cumprir algo que non se estaba a cumprir, coa mira posta en que a suba efectiva de cotas de hai algún tempo leva tamén asociados uns deberes para o concello, entre os que se atoparía a limpeza.
Sinxelamente, parece que -nalgúns casos- o uso do común vai tomando a idea de que non debe ser un abuso, e tratándose como tal, cambiando a mentalidade. E axustando, un pouco máis acó, un pouco máis aló, tentando atopar o límite adecuado entre público e uso privado. Nalgúns casos.

Ningún comentario: