A cousa preséntase así: preséntase unha lista de xente plana, ordeada por orde alfabética de apelidos, e sae nalgún medio con persoas destacadas e o resto da lista como xente complementaria.
Resulta que o destaque é por motivos alleos ó da creación da lista. Algo así como por ter cara máis coñecida con anterioridade, equivalente quizáis a ter máis historia pretendidamente pública detrás. Mesmo algúns dos destacados, con foto.
O caso é que un destaque rompe a uniformidade, a igualdade á vista externa, e a partir desa rotura, pode actuar contra a fraternidade interna, e con ela, contribuír a fracturar unha estrutura.
Na sociedade na que nos toca vivir (ou na sociedade que imos construíndo día a día, que é a mesma) aínda estamos afeitos a poñer caras para identificar iniciativas, poñerlle a esas iniciativas unha historia anterior aínda que partan de novas conxuncións.
'Vinte no xornal' me di un alumno, e quedo preguntándome a conto de que. Logo entérome de que esa iniciativa na que participo como os demáis comezando a construír dende unha base común, cunhas dúas ducías de persoas máis, algunhas con máis actividade, máis antigüidade no traballo e máis rendemento ca min, ten posta a miña cara como referencia.
Quizáis unha cara sirva para dar algo máis de difusión a algo que polo momento se está a configurar como idea, pero habería que pensar que ó tempo, está a trastocar a transmisión da mesma idea que se tenta difundir.
Por certo, estoume a referir ó manifesto de 'Ribadeo en Común' e ás ideas e actividade que se desenvolven dende hai xa abondo máis dun mes. Seguimos para diante, como dirían os franceses co seu lema republicano, en liberdade, igualdade e fraternidade. Con conciencia e vontade, cooperando cada quen co seu veciño e desenvolvendo si, unha fraternidade no traballo conxunto.
Ningún comentario:
Publicar un comentario