Mentras en Ribadeo o PP tenta enzarzarse nunha liorta co equipo de goberno a conto de que Ribadeo tivera un superavit de 800 000 € no 2013, a Mariña cae en presuposto da Xunta e do goberno Central, dando ademais cun canto nos dentes por ter adicado, segundo as institucións, cantidades como dous millóns de euros para o hospital nestes últimos cinco anos (se mal non lembro, falarase e prometérase cousa de oito millóns para hai eses cinco anos).
Francamente, é comprensible o fastío cidadán fronte ós chamados 'grandes partidos', sumidoiros de esforzos de comprensión benintencionada por parte da cidadanía que tenta, ó tempo, atraer en momentos puntuais e afastar para que non moleste, mesmo neses momentos puntuais.
Dese xeito prodúcese unha situación kafkiana da que a non tan longo prazo pode resultar calquera cousa. E é asi, porque xa está resultando que fan calquera cousa no que se da en chamar altas esferas. Un día si, e ao outro, máis, é o que nos está a deparar a historia do estado español nestes tempos. Si á corrupción e ó saqueo, á gobernación para persoas particulares, e á explotación, á crise e ó ninguneo para a grande maioría. Millóns de euros gastados con tarxetas por supostos conselleiros ou dirixentes (supostos, porque quen fai iso non fai máis que mentir no posto que ocupa) en entidades que rescatamos con cartos de todos retiran das portadas á última porta xiratoria que concede a xente que retiran da política mensualidades equivalentes ás anualidades doutros por traballos tamén mensuais que non chegan ós horarios diarios deses outros. E sen paro! Quizais sería bo que Gallardón dera cursiños a parados sobre técnicas de atopar emprego ben remunerado e doado de facer.
A verdade, é doado despotricar contra esa xente que tenta sacar as cores uns ós outros mentras esquece os 'valores espirituais' dos que presume para meterse na lama corrupta mentes enche a boca con palabras cabronas que insultan e engatusan.
Non, á maioría, desta non nos vai sacar ningún pelotazo nin o pasar de todo, senón o traballo e a loita, porque imos ter que construír as nosas saídas ó tempo que procuramos con que facelo e temos que defender tanto a materia prima como os útis que empregaremos no traballo para que non arrampen con todo. Ou iso ou algo que dun xeito ou outro, pódese chamar escravitude. Eleximos nós día a día.
Ningún comentario:
Publicar un comentario