A política no concello de Ribadeo nestes momentos está controlada polo BNG. Coido que coa frase anterior está trazada a realidade, que abrangue non só unha maioría absoluta, senón tamén un desfrute e manexo de actividades e tempos.
Cando xa vai para catro anos resultou das votacións unha maioría absoluta, coido que foi un superar as expectativas mesmo para o partido ganador. Dende aquela, a actividade desenvolta non minguou, senón que quizáis houbo un fluxo e refluxo que a levou na actualidade a uns niveis inferiores ós de comezo de mandato, pero non ós do mandato anterior. O alcalde continúa nos xornais con regularidade, as notas de prensa do concello, filtracións e contactos administran os tempos, e a propaganda dos intereses vese equilibrada co esquecemento do que non conviría.
Non é pois que Ribadeo non teña problemas, senón sinxelamente que o BNG e o alcalde non afrontan, polo momento, desafíos externos que comprometan a súa continuidade. E coido que para esa 'sen novidade' do título, debemos ser conscientes de dous limitantes: 'externos' e 'polo momento'.
En canto ó primeiro, aínda que da partición do antigo BNG xa van catro anos, non hai que esquecer que a opción final escollida polo alcalde non correspondeu coa do grupo co que mantivo un certo tempo afinidade, quedando nunha situación algo comprometida nun partido que ó fin, ten unha estrutura 'tradicional'. É certo que en Ribadeo, hoxe, non hai quen se lle poda poñer en fronte dentro do partido e recadar o mesmo número de votos, pero tamén o é que sen o partido o alcalde tampouco o podería facer. E que dicir sobre o desenvolvemento das diferentes concellerías? Non creo que se poda marcar unha división de apoio a non ser que cambiaran as circunstancias, pero cabe lembrar que hai catro postos que veñen do mandato pasado ou aínda de máis atrás, e tres novos que comezaron nunha posición totalmente diferente do grupo en canto ó concello.
Internas en certo xeito tamén se poden considerar, xa que é o grupo de goberno, as relacións co propio persoal do concello e o seu funcionamento, e se ben non parece haber un nivel de enfrontamento como chegou a haber, tampouco parece unha situación totalmente relaxada en canto a trato nin controlada en canto a funcionamento, e detalles como o reparto dos complementos de produtividade seguen sen ser comprendidos dende fóra da institución, e non sei ata que punto integrados (aceptados é outra cousa) dende dentro.
En canto ó 'polo momento', as novas formas de facer política pouco a pouco van facendo xurdir grupos en Ribadeo que poden facer variar a visión de futuro, pero iso quizais requira outra entrada.
Así pois, polo momento, coido que o BNG enfrontaríase a si mesmo se as eleccións foran esta fin de semana, e cando un se enfronta a si mesmo, ou está tolo, ou leva as de ganar.
-
Outras: UPRi, PP, PSOE, BNG, Ribadeo en común.
Ningún comentario:
Publicar un comentario