20141126

Chequeando Ribadeo

O de chequear soa a médicos, e pode ir diso, máis pode tomarse nun senso amplo, para ver como vai algo. Pensando en que ás veces é conveniente recoñecernos antes de propor estratexias e aplicalas para avanzar. Digo ás veces non porque non sexa conveniente sempre, senón porque moitas non se fai e preténdese que o resultado está ben ó final sen un convenio anterior sobre o que é 'está ben', sobre se interesa, como medilo, por que se quere, etc.
A nivel individual é normal que tales análises non se fagan, ao menos de xeito consciente e detallado. A nivel municipal, debera ser normal que se fixeran, e así, entendo que 'o Ribadeo que queremos', do que se leva pedido unha definición moitas veces dende este blog, segue polo momento sen definirse e polo tanto, sen aplicarse, aínda que haxa por algures resultados que se toman como bos, sen especificar tampouco 'a métrica' usada para definilos como tales. E iso facilita que haxa veces que máis ou menos, todos estamos de acordo, e outras, non.
Quizais fóra máis sinxelo comezar a aplicar nocións como transparencia nas decisións e nas actuacións nalgún aspecto concreto para facilitar o poñernos de acordo tanto no 'que' como no 'como' se fai. E aí vou, despois de ter descuberto o 'informe sobre transparencia' a nivel local, do que resulta un informe para poboacións maiores de 50 000 habitantes. E de mirar un pouquiño a enquisa de aplicación do estudo sobre transparencia municipal. Trátase de algo a aplicar á páxina web do concello, no noso caso, na actualidade, accesible en http://ribadeo.gal/ . É certo que para ter un resultado final hai que facer algunha operación matemática, pero para unha primeira impresión e visión xeral chega con botarlle unha ollada ós catro apartados da enquisa e pasar a procurar algunha cousa na páxina do concello. En descargo de Ribadeo, hai que ter en conta que a enquisa fíxose para concellos de máis de 50 000 habitantes, algo que Ribadeo está lonxe de acadar, e quizais por iso lle custe máis ó non ter a potencia económica e recursos humanos para desenvolver e ter ó día unha web equiparable á dunha cidade, pero, na súa contra, habería que pensar asemade en que ó ser máis pequeno algúns procesos tamén deberan ser máis doados de transparentar.
Aquí o deixo por hoxe, con ganas de comentar (a ver se mañá) o premio que lle deron a Pontevedra e relacionalo con cousas que se están a facer en Ribadeo: non quero quitar tempo a que mires un pouquiño a enquisa e logo pases os ollos pola páxina do concello de Ribadeo.

1 comentario:

maria dixo...

Hola. Ya sabes, no es comentario del tema.
EN el último temporal fuerte que nos azotó, cayeron "cosas" de tejados.
En el edificio situado entre el bar Nevada y la tienda Día (Clarel) en la calle Ramón González , cayó un cristal grande de un lucernario que tiene otros 2 que no cayeron (aún). En realidad la rotura tuvo lugar en el último temporal de viento que sufrimos aquí el invierno pasado. No se repuso el que falta y el edificio parece que no está ocupado más que por generaciones de palomas.
Creo que, para evitar desgracias, deberían asegurar ese lucernario así como cristales rotos y otros elementos..... ¿Hay que esperar a que ocurra una desgracia?