20141121

O que nos vai sacar da crise

Días atrás, o xefe-dono de Abanca, Escotet, dicía que xa estabamos a saír da crise, e que o sistema financieiro estaba sendo o motor desa saída. Coido que a idea non é precisamente esa (hoxe hai na antiga 'cociña' da Casa do mar un acto arredor dun documental sobre a creación dos cartos) nin sobre o que nos sacará da crise (a primeira pregunta é se se pode saír) nin moito menos sobre a potencialidade do sistema financieiro para facelo. Máis aínda dito por un banqueiro estranxeiro que se quedou cun banco que antes era de todos os de aquí (aínda que fora administrado por uns poucos e daquel xeito) no que se meteron cartos de todos os de aquí para que máis tarde el puidera compralo a prezo de saldo sen recuperar máis que unha pequena parte deles. Unha peza económica que no seu día chegou a ser a preferente de confianza dos galegos nun sistema financieiro que se dicía dos máis sólidos do mundo, se non o que máis. Un banco ademais que ten en Ribadeo unha tarxeta de presentación tan sólida como o metacrilato do que fai gala na súa presentación, colocado como se ve na foto dun xeito pouco 'sólido' xusto diante da toma de ventilación, que non chega a ocultar porque sería malo, pero non deixa descubrir totalmente porque se quedaría sen marca. Un logo, por certo, acusado de plaxio. Din que unha imaxe vale máis que mil palabras (aínda que ás veces sexa convinte explicala).

Ningún comentario: